Monforte de Lemos presenta un proxecto de orzamentos de 21,5 millóns de euros para 2027

O Concello de Monforte de Lemos deu a coñecer o proxecto de orzamentos municipais para o ano 2027, que ascende a 21.469.134,38 euros, é dicir, preto de 21,5 millóns de euros. A cifra supón un incremento de 3.044.934,38 euros respecto ao exercicio anterior, o que equivale a unha suba do 16,52 %.
Segundo se explicou durante a presentación das contas, trataríase do orzamento máis elevado da historia do municipio, e acadaríase sen necesidade de incrementar impostos nin taxas municipais, unha política de conxelación fiscal que xa se mantén desde hai doce anos consecutivos. Ademais, sería tamén a duodécima ocasión seguida na que o goberno local presenta as súas contas dentro dos prazos establecidos.
As contas, indicouse, apóianse fundamentalmente en dous grandes eixes: o reforzo dos servizos sociais e o incremento dos investimentos municipais.
Ingresos e partidas destacadas
Entre os principais ingresos previstos, a participación nos tributos do Estado achegaría 6.517.109,40 euros, mentres que os fondos de cooperación cos concellos procedentes da Xunta de Galicia sumarían 1.042.989,33 euros.
O Imposto de Bens Inmobles (IBI) mantería conxelado en 4.150.000 euros, sen variacións desde 2012. A taxa de recollida do lixo, en cambio, subiría un 4,8 %, pasando de 1.786.837,55 a 1.873.115,69 euros, un aumento atribuído ao incremento do canon que aplica a empresa pública galega de xestión de residuos Sogama.
Os ingresos previstos pola piscina municipal crecerían un 31,5 %, ata os 400.000 euros, reflexo do aumento sostido de socios tras a reforma integral das instalacións. Tamén se contemplan 270.242,05 euros derivados da urbanización da denominada Zona D.
Gastos de persoal e servizos
O capítulo de persoal ascendería a 6.042.742,59 euros, un 4,54 % máis que en 2026, derivado do incremento salarial previsto a nivel estatal para os funcionarios, que podería chegar ao 5 % en función da evolución do IPC, ademais da incorporación de dúas novas prazas nas áreas de Cultura e Medio Ambiente.
O gasto corrente alcanzaría os 10.994.611,07 euros, un 8,56 % máis, en gran parte debido ao reforzo do Servizo de Axuda no Fogar e ao encarecemento do servizo de recollida de lixo.
Investimentos, case o triplo que en 2026
O capítulo de investimentos sería o que experimentaría o maior crecemento porcentual, ao pasar de 1.021.923 euros en 2026 a 2.766.708,22 euros en 2027, un incremento do 170,7 %.
Entre as actuacións recollidas destacan 133.000 euros de fondos propios para a construción da Ponte do Malecón; 250.000 euros de achega ao convenio da N-120; 150.000 euros para a mellora de vías urbanas; preto de 69.000 euros para unha senda peonil de catro quilómetros que permitirá sanear varios regatos; 46.500 euros para o convenio coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil destinado a mellorar o saneamento do polígono industrial do Reboredo; 20.000 euros para un tanque de tormentas no parque dos Condes; e 30.000 euros para a renovación de semáforos, entre outras partidas.
Reforzo dos servizos sociais
A atención social continuaría sendo un dos grandes piares das contas. O Servizo de Axuda no Fogar recibiría 2.174.277,76 euros, 166.277,76 euros máis que no exercicio actual. A partida de emerxencia social mantería en 75.000 euros, e o programa de comida a domicilio ‘Xantar na Casa’ contaría con 64.855 euros, un servizo cofinanciado nun 46,66 % pola Xunta de Galicia, mentres que o resto correría a cargo do Concello e dos propios usuarios.
O programa de envellecemento activo ‘Activa’ aumentaría a súa dotación en 5.000 euros, ata os 70.000 euros, tras alcanzar este ano 741 prazas. Tamén crecería a partida do Centro de Información á Muller, que pasaría de 30.000 a 35.000 euros.
No ámbito educativo mantéñense as axudas para libros de texto (35.000 euros) e transporte universitario (25.000 euros), mentres que o transporte escolar aumentaría de 25.000 a 30.000 euros. Conservaríase a gratuidade do bus urbano, que pechou 2025 con 93.643 usuarios, un 13,4 % máis que o ano anterior, así como a do bus rural, que en decembro cumprirá un ano de funcionamento, cun custo anual de 67.074 euros.
A gardería municipal recibiría 256.081,09 euros, un aumento de 98.050,45 euros, co que o Concello asumiría preto do 95 % do custo do servizo, mantendo a súa gratuidade para as familias.
Cultura, comercio e festas
O orzamento destinaría 12.000 euros ao Conservatorio Municipal e á Escola de Música para a compra de mobiliario e instrumentos, e manteria as axudas a asociacións culturais (15.000 euros) e entidades sociais (12.000 euros). A achega ao Centro Comercial Urbano subiría de 12.000 a 15.000 euros.
As contas tamén prevén un reforzo económico para citas como a Feira Medieval —con vistas ao seu recoñecemento como Festa de Interese Turístico de Galicia— e o Festival do Viño, ademais de manter un orzamento semellante ao de 2026 para a programación musical das festas patronais, cuxo cartel xa estaría pechado, aínda que non se desvelaron de momento os nomes dos artistas.
Votación no pleno do 30 de novembro
O proxecto de orzamentos deberá ser debatido e sometido a votación polos distintos grupos municipais no vindeiro pleno ordinario, previsto para o luns 30 de novembro.