Monforte de Lemos participa en Melilla na Asemblea Xeral da Rede de Xuderías de España

Monforte de Lemos estivo presente este venres en Melilla na 70ª Asemblea Xeral Ordinaria da Rede de Xuderías de España-Camiños de Sefarad, un encontro celebrado no Hospital del Rey ao que asistiron, de xeito presencial e telemático, representantes dos 27 municipios que na actualidade integran esta entidade. Trátase do momento de maior expansión xeográfica na historia da organización, tras a incorporación no último ano de seis novas cidades, entre elas a propia cidade autónoma anfitrioa.
Na actualidade, a Rede está formada por Ávila, Barcelona, Béjar, Cáceres, Calahorra, Córdoba, Estella-Lizarra, Hervás, Jaén, León, Lorca, Lucena, Monforte de Lemos, Plasencia, Ribadavia, Sagunto, Segovia, Tarazona, Toledo, Tudela e Tui, ás que se sumaron recentemente Sevilla, Calatayud, a Cidade Autónoma de Melilla, Uncastillo, Llerena e Valencia de Alcántara. Estas seis incorporacións foron aprobadas na 68ª Asemblea, celebrada en decembro de 2025, e ratificadas posteriormente na 69ª Asemblea, en abril deste ano.
Pola parte do Concello de Monforte, acudiron á cita o alcalde, José Tomé Roca, e a tenente de alcalde, Gloria Prada. Desde o goberno local sinálase que a presenza neste tipo de encontros consolida a implicación do municipio nun proxecto conxunto orientado á conservación, difusión e posta en valor do patrimonio histórico compartido polas cidades da rede. Asistir a estas xornadas, indícase, resulta ademais unha vía útil para amosar a riqueza monumental, cultural e paisaxística de Monforte e para respaldar a promoción turística tanto da cidade como da comarca da Ribeira Sacra, ao tempo que permite intercambiar experiencias con outros municipios e poñer en marcha iniciativas que repercuten positivamente no turismo, o comercio e a hostalaría locais.
Contidos abordados na Asemblea
Durante a sesión trataronse distintos asuntos vinculados ao funcionamento interno da Rede e ao despregue do Plan de Acción Estratéxica e Proxectos 2026, documento que marca as liñas de traballo da entidade nos ámbitos turístico, cultural, patrimonial e académico. Tamén se dedicou atención á proxección internacional dos Camiños de Sefarad e ao seu posicionamento en distintos mercados turísticos.
Neste contexto, deuse a coñecer novas accións de promoción internacional previstas para os próximos meses, entre as que figura unha presentación institucional programada para o 11 de novembro en Miami, ademais de actuacións que se desenvolverán en colaboración con Turespaña en varios destinos internacionais. A Rede mantén así mesmo un convenio coa Confederación Española de Axencias de Viaxes (CEAV), grazas ao cal o legado sefardí das 27 cidades integrantes se incorpora á oferta comercial de miles de axencias de viaxes españolas.
Continuidade do traballo municipal arredor do legado xudeu
A participación de Monforte na cita de Melilla enmárcase na liña de traballo que o Concello vén desenvolvendo dentro da Rede de Xuderías e na súa aposta por dar a coñecer o legado xudeu da cidade. Nesa mesma dirección sitúase a actividade organizada o pasado 6 de setembro, coincidindo coa Xornada Europea da Cultura Xudía, cando o Concello puxo en marcha dúas visitas guiadas pola zona de referencia xudía de Monforte, que rexistraron unha boa acollida entre os asistentes. Desde o goberno local destácase que este tipo de propostas permiten achegar a veciños e visitantes unha parte da historia da cidade que forma parte do seu patrimonio.
Unha rede con máis de dúas décadas de traxectoria
Monforte de Lemos pertence á Rede de Xuderías de España-Camiños de Sefarad, asociación constituída en 1995 que agrupa a municipios españois vinculados historicamente á presenza de comunidades xudías e que conta co recoñecemento de Itinerario Cultural do Consello de Europa. A cidade xa tivo un papel relevante na organización con anterioridade: exerceu a presidencia da Rede en 2023 e ese mesmo ano acolleu a celebración da 63ª Asemblea, no Palacio Condal do Parador de Turismo, dentro do conxunto monumental de San Vicente.
Desde o Concello remárcase que formar parte activa desta rede facilita estreitar a colaboración con outras cidades, compartir proxectos conxuntos e seguir impulsando este patrimonio como recurso de promoción cultural e turística para Monforte.