Monforte de Lemos participa este venres na 70ª Asemblea da Rede de Xuderías de España, que se celebra en Melilla

RibeiraSacraXa
O encontro, que se desenvolve no Hospital del Rey, reúne de xeito presencial e telemático a representantes dos 27 municipios integrados na Rede, entre eles Monforte
Asamblea Monforte 2023
Imaxe de arquivo
10 Sep 2026

Monforte de Lemos estará representado este venres 11 de setembro na 70ª Asemblea Ordinaria da Rede de Xuderías de España-Camiños de Sefarad, que se celebra en Melilla. O alcalde, José Tomé Roca, e a tenente de alcalde, Gloria Prada, acudirán ao encontro en nome do Concello.

A xuntanza terá lugar no Hospital del Rey e contará coa participación, presencial e telemática, duns 30 representantes procedentes dos 27 municipios que na actualidade forman parte da Rede.

Esta cita prodúcese despois da recente incorporación da propia Melilla á Rede, aprobada a finais de 2025 e ratificada na Asemblea celebrada o pasado mes de abril en Segovia. Xunto coa cidade autónoma sumáronse daquela outros seis municipios: Sevilla, Calatayud, Uncastillo, Llerena e Valencia de Alcántara.

Ao longo das dúas xornadas de traballo, os representantes municipais abordarán cuestións relativas ao funcionamento da entidade e ao impulso de proxectos e estratexias conxuntas orientadas á conservación e promoción do patrimonio xudeu, así como á súa proxección turística e cultural. Entre os asuntos previstos figura reforzar a presenza da Rede nos itinerarios culturais europeos vinculados a este legado, ademais de dar maior proxección internacional aos destinos que integran os Camiños de Sefarad. A organización mantén tamén liñas de colaboración co sector turístico para favorecer a promoción conxunta dos seus municipios nos mercados nacionais e internacionais.

Os asistentes terán, ademais, a oportunidade de coñecer de primeira man parte do patrimonio de Melilla a través de diferentes visitas guiadas, entre elas ao museo da cidade e á súa ruta sefardí.

O alcalde de Monforte sinalou que a presenza do Concello nesta Asemblea reafirma o compromiso do actual Equipo de Goberno coa conservación, difusión e posta en valor do patrimonio xudeu e sefardí do municipio. Engadiu que a pertenza a esta rede permite reforzar a promoción de Monforte e da Ribeira Sacra, co conseguinte beneficio para o turismo e consecuencias económicas positivas para o comercio e a hostalería locais.

A cita en Melilla servirá tamén para estreitar os lazos de cooperación entre os 27 municipios que integran a Rede, compartindo experiencias e iniciativas destinadas a converter este legado nun elemento de conexión cultural e nun recurso turístico de referencia.

Precisamente o pasado domingo 6 de setembro, o Concello de Monforte conmemorou a Xornada Europea de Cultura Xudía con dúas visitas guiadas á zona de ámbito xudeu da cidade, que tiveron unha notable acollida por parte do público. A actividade, guiada polo investigador monfortino Felipe Aira, percorreu o casco histórico e o entorno do Conxunto Monumental de San Vicente, con paradas en puntos como a rúa Santo Domingo e a muralla, a Praza de Pescaderías, a rúa da Falagueira, a Porta Nova e o Campo da Virxe.

Monforte de Lemos forma parte da Rede de Xuderías de España-Camiños de Sefarad como un dos municipios que conservan un importante legado vinculado á presenza xudía na Península. A cidade presidiu esta rede en 2023, ano no que acolleu a celebración da súa 63ª Asemblea, desenvolvida no Palacio Condal do Parador de Turismo, dentro do Conxunto Monumental de San Vicente.

Na actualidade, a Rede está integrada por 27 cidades: Ávila, Barcelona, Béjar, Cáceres, Calahorra, Córdoba, Estella-Lizarra, Hervás, Jaén, León, Lorca, Lucena, Monforte de Lemos, Plasencia, Ribadavia, Sagunto, Segovia, Tarazona, Toledo, Tudela e Tui, ás que se suman as seis últimas incorporacións: Melilla, Sevilla, Calatayud, Uncastillo, Llerena e Valencia de Alcántara.

0.16422986984253