Monforte de Lemos construirá unha nova pista polideportiva no barrio das Cruces

RibeiraSacraXa
A instalación erguerase sobre unha parcela municipal duns 2.650 metros cadrados e as obras teñen un prazo de execución de dous meses
plano pista As Cruces Monforte
26 Oct 2026

O barrio monfortino das Cruces contará proximamente cunha nova pista polideportiva ao aire libre. O Concello adxudicou as obras á empresa Misturas Obras e Proxectos, S.A., por un importe de 47.429,33 euros, cun prazo de execución previsto de dous meses.

A actuación desenvolverase sobre un terreo de titularidade municipal situado neste barrio da cidade, cunha superficie aproximada de 2.650 metros cadrados. Sobre esa parcela construirase unha pista de 30 metros de lonxitude por 18 de anchura, pensada para ampliar as opcións de práctica deportiva nesta zona de Monforte.

Os traballos inclúen varias fases. En primeiro lugar, procederase á preparación e nivelación do terreo, coa retirada da capa de terra vexetal. Despois executarase unha base de zahorra compactada, sobre a que se colocará unha solera de formigón pulido. Tamén está previsto o pintado e marcaxe das liñas de xogo, así como a instalación dunha rede de protección deportiva nun dos laterais e nun dos fondos da pista.

O proxecto contempla ademais a creación de taludes suaves nos catro lados da instalación, co obxectivo de integrala mellor no seu contorno. Por outra banda, executarase un peche no lado leste da parcela, formado por unha cimentación de formigón armado e, na súa parte superior, un bloque de formigón liso cara vista de 1,50 metros de altura.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destacou o alcance desta intervención, sinalando que permitirá “dotar o barrio dunha nova infraestrutura deportiva ao aire libre, ampliando os espazos dispoñibles para a práctica do deporte e favorecendo que a veciñanza das Cruces e do seu entorno conte con instalacións próximas ás súas casas”.

O rexedor tamén puxo en valor o aproveitamento de solo público para este tipo de proxectos, subliñando a importancia de utilizar terreos municipais “para crear novos espazos de uso público e poñelos ao servizo da cidadanía”, o que ao seu xuízo contribúe a mellorar o entorno urbano e amplía as oportunidades para a práctica deportiva na cidade.

Con esta nova pista, o goberno local continúa ampliando a rede de equipamentos municipais, apostando por espazos públicos que fomenten o deporte e os hábitos de vida saudable entre a veciñanza. Neste sentido, Tomé Roca afirmou que se trata dun “novo paso na mellora dos equipamentos municipais e na creación de espazos para que a veciñanza poida practicar deporte preto das súas casas”, engadindo que o Concello segue “avanzando na mellora de Monforte, atendendo as necesidades dos barrios e creando espazos que redunden no benestar da cidadanía”.

0.10561895370483