Monforte de Lemos celebra este sábado o seu Mercado de Outono, sen actos institucionais polo loito nacional

O Mercado de Outono volve este sábado 31 de outubro á Praza de Abastos de Monforte de Lemos, tal e como estaba previsto, aínda que a xornada perderá o seu compoñente institucional. O Concello explicou que a cita se mantén en pé, pero sen os actos protocolarios inicialmente contemplados, como xesto de respecto cara ao loito nacional decretado polo Goberno de España tras o accidente ferroviario rexistrado en Urda, Toledo.
Desde o Equipo de Goberno municipal trasladouse, en nome de toda a Corporación, o seu pésame ás familias e persoas achegadas das vítimas, así como a súa solidariedade con todas as persoas afectadas por este suceso.
Á marxe deste axuste, o mercado funcionará nos mesmos termos xa anunciados. Abrirá en dúas quendas, de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas, e reunirá unha selección de produtos propios da tempada outonal: cogomelos, castañas, noces, mel, viño, queixos, embutidos e doces, entre outras elaboracións. Con esta proposta, o Concello busca poñer en valor tanto a calidade dos produtos de proximidade como o traballo de produtores e comerciantes da zona.
A actividade arrincará ás 10.00 horas coa apertura do propio mercado. A partir do mediodía, entre as 12.00 e as 14.00 horas, desenvolveranse os obradoiros infantís ‘Benvido Outono’, pensados para os máis pequenos. Xa pola tarde, de 17.00 a 18.30 horas, terá lugar unha xincana temática do Samaín organizada por grupos de idade e repartida en tres pases de media hora cada un, que coincidirá nese mesmo tramo horario, ata as 18.00 horas, cunha sesión de pintacaras de corte tenebroso. A xornada continuará de 18.30 a 19.30 horas cun espazo de contos e lendas vinculados a esta tradición, e pecharase, entre as 19.30 e as 20.30 horas, cunha mostra de produtos elaborados ‘con sabor a outono’. Para participar en calquera destas actividades será necesario inscribirse quince minutos antes do comezo de cada unha, ata completar as prazas dispoñibles.
Con esta nova edición, o Concello insiste na súa aposta por dinamizar o comercio de proximidade, dar visibilidade aos produtos de tempada e apoiar o labor de produtores e comerciantes, combinando na Praza de Abastos compras, gastronomía e lecer para todas as idades.