Monforte de Lemos celebrará un mercado de outono con produtos de tempada e actividades para toda a familia

Monforte de Lemos acollerá unha nova edición do seu Mercado de Outono o sábado 31 de outubro, unha cita que une a venda de produtos de tempada cun amplo abano de propostas de lecer pensadas para todos os públicos, aproveitando ademais as datas do Samaín.
O mercado instalarase na Praza de Abastos e abrirá en dous quendas: de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.30 horas. Durante esas horas, as persoas visitantes poderán atopar unha selección de produtos típicos da tempada outonal, como cogomelos, castañas, noces, mel, viño, queixos, embutidos e doces, entre outras elaboracións. Con esta oferta, o Concello busca poñer en valor tanto a calidade dos produtos de proximidade como o labor dos produtores e comerciantes da zona.
Xunto ao mercado, a xornada incluirá unha programación paralela de actividades dirixidas ao público infantil e familiar arredor do Samaín. Haberá obradoiros para nenos e nenas, unha xincana temática, unha sesión de pintacaras e un espazo dedicado a contos e lendas ligados a esta celebración tradicional. Para participar nestas actividades, será necesario inscribirse quince minutos antes do comezo de cada unha, ata esgotar as prazas dispoñibles.
Un dos momentos destacados será o showcooking de outono, a cargo dun cociñeiro profesional, no que se elaborarán e degustarán tres tipos de tapas feitas con ingredientes de proximidade, como cogomelos e castañas, entre outros produtos propios desta estación do ano.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, subliñou a relevancia deste tipo de iniciativas para reforzar o tecido comercial da localidade. "Desde o Equipo de Goberno seguimos apostando pola dinamización do comercio de proximidade e por dar visibilidade aos produtos de tempada e aos produtores da nosa contorna", sinalou o rexedor, quen engadiu que este tipo de mercados temáticos "permiten achegar á cidadanía a calidade dos produtos locais, ao tempo que contribúen a crear actividade económica e a fortalecer o tecido comercial de Monforte".
O rexedor incidiu tamén no valor destas propostas para dinamizar a cidade e ofrecer alternativas de lecer á veciñanza, co obxectivo de que Monforte conte cunha programación variada ao longo de todo o ano que anime as rúas e os espazos comerciais e atraia visitantes. Segundo explicou, o Mercado de Outono supón "unha oportunidade para combinar compras, gastronomía e diversión" nun espazo como a Praza de Abastos.
Por outra banda, as persoas interesadas en instalar un posto de venda no mercado dispoñen de prazo ata o 29 de outubro para presentar a súa solicitude.
Programa do Mercado de Outono 2026:
- 10.00 horas: apertura do mercado
- 11.30 horas: inauguración e exposición de cogomelos, con charla-presentación
- 12.00 a 14.00 horas: obradoiros infantís 'Benvido Outono'
- 17.00 a 18.30 horas: xincana do Samaín, organizada por grupos de idade, con tres pases de media hora cada un
- 17.00 a 18.00 horas: pintacaras tenebroso
- 18.30 a 19.30 horas: contos e lendas do Samaín
- 19.30 a 20.30 horas: showcooking 'Con sabor a outono'