Monforte cortará o tráfico na Avenida de Galicia este martes polas obras de asfaltado

RibeiraSacraXa
A circulación estará interrompida entre a rúa Cardenal e a Ponte Nova de 15:00 a 17:00 horas, con varios desvíos habilitados para reducir as afeccións
obras-monforte-novo-camino
3 Oct 2026

O Concello de Monforte de Lemos anunciou cortes de tráfico na Avenida de Galicia para este martes 6 de outubro, debido aos traballos de asfaltado que se están executando nesta vía. A actuación afectará ao tramo comprendido entre o cruzamento coa rúa Cardenal e o inicio da Ponte Nova e está previsto que as restricións á circulación se prolonguen entre as 15:00 e as 17:00 horas, aproximadamente.

Durante este período será necesario interromper completamente o tráfico no tramo no que se vaian desenvolver os traballos. O Concello sinala que os cortes se manterán durante o tempo imprescindible e que se procurará reducir na medida do posible as molestias ocasionadas ás persoas usuarias da vía.

A actuación forma parte do proxecto de mellora da Avenida de Galicia e da rúa Chantada, no treito situado entre o cruzamento coa rúa Cardenal e a rotonda do Hórreo. As obras inclúen o fresado do firme actual e a súa renovación integral, así como a posterior actualización da sinalización horizontal e vertical. O investimento previsto para este proxecto ascende a 174.279 euros.

Nesta primeira fase, os traballos centraranse nos dous carrís da Avenida de Galicia situados entre a rúa Cardenal e o acceso á Ponte Nova. Para organizar o tráfico durante o corte, estableceranse puntos de interrupción na entrada da rúa Cardenal, á altura da glorieta; no inicio da Avenida de Galicia, no cruzamento coa rúa Ourense; e na rúa Hortas, á altura da Ponte Vella.

Os accesos estarán sinalizados e valados para garantir a seguridade tanto dos condutores e peóns como dos operarios que participan nas obras.

O Concello habilitou diferentes itinerarios alternativos para facilitar os desprazamentos. Así, os vehículos afectados polo corte na rúa Cardenal poderán desviarse pola rúa Roberto Baamonde. No caso da circulación afectada pola Avenida de Galicia, será posible continuar pola esquerda cara á rúa Doutor Casares, salvo para os vehículos cunha masa máxima autorizada superior a cinco toneladas, ou desviarse pola dereita cara á rúa Ourense. Para os vehículos procedentes da rúa Hortas, o itinerario alternativo establecido será a través da rúa Doutor Casares.

As obras tamén contemplan medidas para facilitar, sempre que sexa posible e as condicións de seguridade o permitan, o acceso aos vaos e garaxes situados na zona afectada. O persoal da empresa encargada dos traballos permanecerá nos puntos de corte para controlar estes accesos, que se realizarán de maneira puntual e sempre que os vehículos non teñan que atravesar o tramo concreto no que se estea asfaltando nese momento. Deste xeito, evitaranse interferencias coa maquinaria e cos traballos dos operarios.

Unha vez que o asfaltado chegue á zona da Ponte Nova, o tramo inicialmente pechado volverá abrirse ao tráfico. A partir dese momento, os traballos continuarán desde a Ponte Nova en dirección á rúa Chantada, pero desenvolveranse por fases e ocupando un único carril, polo que o outro permanecerá habilitado para a circulación.

Neste segundo período, o tráfico será regulado alternativamente para permitir o paso en ambos sentidos segundo as necesidades dos traballos. A regulación contará con persoal encargado de controlar a circulación e coa sinalización correspondente.

O Concello de Monforte agradece a colaboración e comprensión da cidadanía ante as molestias puntuais que poidan xerar as obras e destaca que os traballos teñen como finalidade mellorar o estado da calzada e a seguridade dunha das principais vías de circulación da cidade.

0.14864087104797