Monforte reparte 14.233 euros entre 15 asociacións para impulsar as súas actividades

RibeiraSacraXa
As subvencións municipais apoian propostas culturais, formativas, lúdicas e recreativas desenvolvidas por asociacións inscritas no rexistro municipal
casa-concello-monforte
30 Sep 2026

O Concello de Monforte concedeu un total de 14.233,54 euros en axudas a 15 entidades culturais, lúdicas, recreativas e formativas sen ánimo de lucro para financiar actividades desenvolvidas ao longo de 2026. A resolución da convocatoria foi aprobada este luns, 28 de setembro, pola Xunta de Goberno Local.

As subvencións están destinadas a asociacións inscritas no rexistro municipal e teñen como finalidade apoiar as actividades que estas entidades desenvolven durante o ano. Cada beneficiario pode recibir un máximo de 1.000 euros, cun límite do 70% do importe considerado subvencionable. Ademais, as axudas son únicas e non acumulativas e non poden superar o custo da actividade correspondente.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, explicou que “é fomentar que as asociacións culturais e lúdicas poidan desenvolver actividades de interese e potenciar deste xeito as iniciativas que poidan xurdir dende os distintos ámbitos da sociedade que teñan como fin difundir, promover, conservar e impulsar manifestacións culturais de todo tipo”.

Entre as propostas apoiadas figuran unha xornada de portas abertas da Asociación Cultural Lodeiro, unha andaina escolar polo Camiño de Inverno da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra e unha viaxe cultural a Cantabria da Asociación de Veciños da Parroquia de Ribasaltas.

Tamén reciben axudas a Asociación Cultural de Gullade, para un obradoiro de pandeireta, canto e percusión; a AFA do CEIP Plurilingüe A Gándara e a ANPA A Lagoa, para as súas respectivas actividades anuais; e a A. C. Os Xograres de Lemos, para o II Festival de Verán 2026.

A relación de entidades beneficiarias complétase coa A. C. Músicas de Monforte, que destinará a axuda a un obradoiro de cestería; o Club Fluvial de Monforte de Lemos, para o seu programa anual de actividades culturais, lúdicas e recreativas; e a A. C. San Martín de Piñeira, para clases de encaixe de palillos.

Pola súa banda, a Agrupación Folclórica Lemavos recibirá financiamento para ensaios, investigación etnográfica e actuacións, mentres que a Asociación de Veciños de Piñeira destinará a subvención a ximnasia de mantemento para persoas adultas. A. de Palilleiras da Ribeira Sacra, Asociación Battuere e A. C. Amigos da Pandeireta completan a lista, con axudas para xuntanzas de palilleiras, actuacións musicais e unha viaxe cultural a Portugal, respectivamente.

As contías concedidas van desde os 476,70 euros da Asociación Battuere e os 756,84 euros da A. C. Músicas de Monforte ata os 1.000 euros concedidos á maior parte das entidades.

0.10358786582947