Monforte chega ao ecuador das súas Festas Patronais cunha "valoración moi positiva", segundo o alcalde

Monforte de Lemos chega ao ecuador das súas Festas Patronais cun balance que o alcalde, José Tomé, cualifica de "moi positivo". O rexedor puxo en valor a elevada participación rexistrada en todas as actividades programadas ata o momento, así como o ambiente festivo que vive a cidade desde o pistoletazo de saída o pasado martes 11 de agosto.
Tomé sinala que a cidade está a vivir unhas festas cunha participación salientable, coas rúas e os diferentes espazos cheos de xente, algo que atribúe a unha satisfacción compartida entre o Concello e a veciñanza. Ademais, subliña que ata a data non se rexistrou ningún incidente relevante, o que permite desfrutar do programa con total normalidade.
Desde o pregón inaugural, a cargo do empresario monfortino José Manuel Rodríguez, a cidade acolleu xa numerosas citas, entre elas o Festival Cómico e Festivo 'A rúa é vosa', con pases de mañá e tarde na rúa Cardeal e na praza de España, ademais de actuacións como as da Gaitucada Aikirindo ou a Orquestra do Conservatorio Municipal de Música 'Mestre Ibáñez'.
No plano musical, os concertos de De Vacas, Ráfaga e Miss Caffeina reuniron a un público numeroso e contribuíron a animar as noites da localidade, xunto aos diferentes pasarrúas que percorren a cidade.
O alcalde destaca o ambiente que se respira no Parque dos Condes, onde a nova fonte se converteu nun dos elementos máis celebrados destas festas. Segundo Tomé, a instalación está a ter unha acollida "espectacular" e está a axudar a xerar un ambiente moi especial nun dos espazos máis concorridos do programa festivo.
As Festas Patronais afrontan agora a súa segunda metade con citas de peso. Nos vindeiros días está previsto que actúen Marlon e Walls, ademais do Grupo América de Vigo e a Orquestra Panorama, xunto a outras orquestras que animarán as noites. A programación completarase tamén cos grupos locais Doc Magoo's e Malenne, que terán ocasión de actuar ante o público monfortino.
O rexedor anima tanto aos veciños como aos visitantes a seguir participando e desfrutando do ambiente, lembrando que aínda quedan varios días de festa cunha programación moi variada.
Tomé quere destacar o carácter gratuíto de todo o programa, sinalando que Monforte é o único concello que ofrece concertos e actividades destas características sen custo ningún, o que converte as festas nun reclamo para milleiros de visitantes.
Este sábado 15 celébrase o Día da Patroa, con misa e ofrenda floral á Virxe de Montserrat na igrexa de San Vicente do Pino, xornada que incluirá tamén o tradicional Día do Gaiteiro con alboradas polas rúas do centro.
Desde o Concello faise así mesmo unha valoración positiva en materia de seguridade e convivencia, ao non se ter rexistrado incidencias destacables que afectasen ao desenvolvemento normal das actividades.