Monforte adxudica por máis de 365.000 euros tres actuacións de mellora en vías municipais e nun edificio público

A Xunta de Goberno Local del Concello de Monforte de Lemos aprobou este luns, 13 de xullo, a adxudicación de tres actuacións que suman un investimento total de 365.708,44 euros e que permitirán mellorar infraestruturas viarias e renovar un edificio municipal.
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou da adxudicación das obras de mellora da pavimentación da Avenida de Galicia-Rúa Chantada e da Rúa Vigo, así como da reforma e ampliación do edificio municipal situado na Rúa Duquesa de Alba número 13.
As dúas actuacións viarias forman parte do plan de investimentos en infraestruturas viarias anunciado polo rexedor o pasado mes de maio, que contempla unha decena de intervencións en rúas do centro urbano e da zona rural cun orzamento global de 1.059.733,23 euros.
José Tomé destacou que este programa permitirá “seguir mellorando tanto as parroquias como rúas e barrios da cidade, reforzando a seguridade viaria e as comunicacións e, en definitiva, mellorando a calidade de vida da veciñanza”.
RENOVACIÓN DA AVENIDA DE GALICIA-RÚA CHANTADA
A obra de mellora da Avenida de Galicia-Rúa Chantada foi adxudicada á empresa OVISA Pavimentos y Obras SLU por un importe de 142.888,90 euros, IVE incluído, cun prazo de execución dun mes desde a sinatura da acta de comprobación e reformulo.
A actuación abrangue o tramo comprendido entre o cruce coa rúa Cardenal e a Rotonda do Hórreo. A zona na que se intervirá conta cunha lonxitude de 1.020 metros, un ancho medio de 8,25 metros e unha superficie total de 8.415 metros cadrados.
Esta vía pasou recentemente a formar parte da rede viaria municipal tras a cesión da titularidade por parte da Xunta de Galicia, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 22 de febreiro.
O alcalde sinalou que a intervención era “moi necesaria”, xa que o firme levaba tempo sen recibir actuacións e presentaba un importante deterioro, con presenza de auga nalgunhas zonas.
Os traballos consistirán no fresado completo do firme actual, a colocación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente e o posterior pintado das marcas viarias, símbolos e cebreados.
MELLORA DA RÚA VIGO
A renovación da Rúa Vigo foi adxudicada tamén a OVISA Pavimentos y Obras SLU por 102.245 euros, IVE incluído, cun prazo de execución dun mes desde a sinatura da acta de comprobación e reformulo.
A actuación permitirá renovar o firme desde o cruce coa estrada da Vide ata o final do barrio do Casar. O proxecto inclúe tamén a reparación dos cortes existentes provocados por obras ou avarías da rede de auga, así como a mellora da sinalización da vía.
A intervención afectará a un tramo de 605 metros de lonxitude, cun ancho medio de 10,36 metros e unha superficie total de 6.270 metros cadrados.
Os traballos previstos comezarán co fresado do firme, seguido do barrido da zona e da colocación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente. Finalmente realizarase o pintado das marcas viarias, símbolos e cebreados.
José Tomé indicou que esta actuación permitirá “unha boa urbanización do barrio do Casar”.
REFORMA DO EDIFICIO MUNICIPAL DA RÚA DUQUESA DE ALBA
A terceira adxudicación aprobada pola Xunta de Goberno Local corresponde ás obras de reforma e ampliación do edificio municipal situado na Rúa Duquesa de Alba número 13.
A actuación foi adxudicada á empresa José Paulo Carvalho Vasconcelos por un importe de 120.572,54 euros e cun prazo de execución de catro meses desde a sinatura da acta de comprobación e reformulo.
O inmoble, situado nunha parcela de 620 metros cadrados, acolle actualmente diferentes servizos municipais, entre eles unha oficina e almacén de Protección Civil, locais para o persoal de obras, medio ambiente e electricistas, ademais de almacéns, aseos e un garaxe para vehículos municipais.
Segundo explicou o alcalde, o obxectivo da intervención é conseguir “unhas instalacións novas, máis seguras e confortables para os nosos traballadores”, permitindo ademais mellorar a organización e planificación dos servizos municipais.
O proxecto contempla a ampliación da nave na parte posterior do edificio, o lixado e pintado da estrutura metálica, a instalación de pavimento con pintura epoxi, novas zonas de almacenamento, unha nova escaleira no local de electricidade, renovación de carpinterías e portas, colocación de falsos teitos, novos acabados interiores e tarefas de limpeza e instalación de mobiliario. A reforma completarase coa instalación de paneis solares fotovoltaicos e un punto de recarga para vehículos eléctricos.