Monforte adxudica por máis de 12.000 euros o servizo de control da pomba doméstica para os vindeiros dous anos

O Concello de Monforte de Lemos adxudicou o contrato para o servizo de control da pomba doméstica, unha actuación destinada a reducir os problemas derivados da sobrepoboación destas aves na cidade. A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 6 de xullo a contratación da empresa Gestión de Fauna S.L. por un importe de 12.015,30 euros.
O contrato terá unha duración inicial de dous anos desde a sinatura da acta de inicio do servizo, aínda que poderá prorrogarse por períodos anuais ata un máximo de catro anos.
Segundo explicou o alcalde, José Tomé Roca, a medida responde ás molestias e aos prexuízos que a elevada presenza de pombas ocasiona tanto á cidadanía como aos edificios do municipio. "Debido as molestias e prexuízos que a superpoboación de pombas causan ós cidadáns e edificios do municipio, é preciso realizar labores de control que reduzan a poboación de pomba doméstica asentada na cidade de Monforte, ata uns mínimos aceptables".
Para levar a cabo este servizo, o Concello optou por contratar unha empresa especializada e homologada, encargada de desenvolver un plan integral de control da pomba doméstica.
O obxectivo principal será diminuír a presenza da especie Columba livia mediante métodos non violentos nas zonas do termo municipal onde a súa densidade sexa superior aos niveis considerados normais e provoque problemas hixiénico-sanitarios, ambientais ou de conservación do patrimonio.
O contrato inclúe tamén o seguimento, o censo e o estudo da poboación de pombas existente no municipio, así como a avaliación do seu estado sanitario. Ademais, elaborarase un plan anual de actuacións que contempla intervencións na vía pública, edificios e instalacións municipais e propostas específicas para aqueles puntos especialmente afectados pola sobrepoboación destas aves.
Entre os traballos previstos figura o control de pombas en parques e xardíns, casas e solares deshabitados, o cemiterio e outros espazos que determine o Concello. Tamén se actuará en dependencias municipais, colexios públicos e noutras instalacións de titularidade municipal cando sexa necesario.
A empresa adxudicataria deberá, ademais, atender os avisos e incidencias relacionados coa presenza de pombas que poidan afectar á saúde pública no municipio.