Monforte activa un dispositivo especial de tráfico e seguridade para a Romaría de San Mateo

RibeiraSacraXa
O operativo, coordinado entre distintos corpos de seguridade, busca garantir o bo desenvolvemento da celebración ante a gran afluencia de persoas e vehículos prevista
Tráfico Romaría San Mateo Monforte
16 Sep 2026

O Concello de Monforte de Lemos puxo en marcha os preparativos de seguridade para a Romaría de San Mateo, cita que terá lugar o vindeiro luns, 21 de setembro, na parroquia de A Parte e que pon o remate á programación do Verán Cultural municipal.

Con este motivo, reuniuse unha mesa de seguridade na que se acordaron as medidas de tráfico, organización e vixilancia necesarias para facer fronte á gran cantidade de persoas e vehículos que adoita congregar esta celebración tradicional.

A este encontro asistiron representantes da Policía Local, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Nacional, o corpo de Bombeiros e o servizo de Axentes da Cidadanía do Concello, ademais de responsables municipais.

Entre as decisións adoptadas destaca o establecemento dun único sentido de circulación na estrada de acceso ao recinto festivo, co fin de axilizar os desprazamentos e evitar retencións na zona. Así, o acceso realizarase desde Ribas Altas pola antiga estrada de Lugo, pasando pola parroquia de Valverde, mentres que a saída efectuarase pola estrada do canal de regadío en dirección a Reigada e Monforte, a través da rúa Juan Montes. Tamén quedará habilitada a circulación polas pistas da concentración parcelaria da zona, en dirección a Ribas Pequenas e Bóveda.

O operativo contará con sinalización específica e vixilancia continua, e o estacionamento quedará limitado ás zonas habilitadas para tal fin, quedando prohibido aparcar na pista de acceso ao recinto para non entorpecer o paso dos servizos de emerxencia. Estas restricións de tráfico manteranse durante toda a xornada e poderán axustarse en función da afluencia de vehículos.

A coordinación xeral do dispositivo recaerá na Policía Local, que traballará xunto coa Policía Nacional, a Garda Civil de Tráfico, Bombeiros, Protección Civil e persoal municipal. Os axentes da Garda Civil reforzarán a vixilancia nas vías de acceso e saída, mentres que a Policía Local centrarase no recinto da festa e nos seus arredores, mantendo presenza durante toda a celebración xunto con efectivos da Policía Nacional. A vixilancia iniciarase xa nas horas previas ao evento para previr posibles incidentes, e disporase dunha ambulancia no recinto para atender calquera necesidade sanitaria que puidese xurdir.

Por outra banda, o Concello colabora coa organización da romaría mediante unha achega económica e a posta a disposición dos medios necesarios para o seu desenvolvemento, ademais de instalar contedores no recinto para a correcta xestión dos residuos xerados durante a xornada.

Con todas estas medidas, o Concello de Monforte pretende asegurar que a Romaría de San Mateo transcorra con normalidade e nun contorno seguro, facilitando ao mesmo tempo a mobilidade de quen se achegue a A Parte durante a celebración.

0.10016107559204