Monforte acolle un taller práctico de consulta do rexistro local de material fitosanitario

RibeiraSacraXa
Monforte acolle un taller práctico de consulta do rexistro local de material fitosanitario o vindeiro xoves 17
fitosanitario fumigar
fitosanitario fumigar
11 nov 2022

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto realizar en Monforte de Lemos un taller práctico de consulta do Rexistro Oficial de Produtos e Material Fitosanitario.

A acción formativa ten previsto celebrarse o vindeiro xoves 17 de novembro no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos en horario de 9.45 a 14.30 horas.

O taller ten como obxectivo que os alumnos fagan un uso correcto do caderno de explotación para garantir a trazabilidade dos produtos agroalimentarios e conseguir que saian ao mercado nas condicións esixidas pola normativa. Tamén, abordará os límites máximos de residuos que impón a Comisión Europea con respecto á seguridade alimentaria para asegurar o cumprimento da lexislación vixente nesta materia.

Esta formación está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas

Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 103, ou enviarse un correo a ceca.monforte@edu.xunta.gal.