A Ribeira Sacra acolle un encontro europeo para impulsar a conservación do patrimonio románico

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
O Centro do Viño de Monforte reúne desde este martes a representantes de distintos territorios europeos vinculados á conservación, promoción e divulgación do patrimonio románico na Asemblea Xeral da Transrománica
reunion-transromanica-monfort
15 Jul 2026

A Ribeira Sacra foi escenario da Asemblea Xeral da Transrománica, unha reunión anual que congregou representantes dos territorios que forman parte desta rede europea recoñecida como Itinerario Cultural do Consello de Europa.

O encontro celebrouse no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos, coa Deputación de Lugo como anfitrioa. A apertura correu a cargo da deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, quen deu a benvida aos participantes e destacou a importancia de que a provincia acollera esta cita internacional.

García Porto definiu a celebración da Asemblea na Ribeira Sacra como “un motivo de satisfacción, pero tamén unha responsabilidade”, ao considerar que reforza o compromiso do territorio coa conservación e difusión do patrimonio románico.

Na reunión participaron representantes de diferentes entidades integrantes da Transrománica, tanto de maneira presencial como telemática. Entre eles estiveron membros da Deputación de Lugo, da Rota do Románico do Val do Sousa (Portugal), de Eslovaquia, do Concello de Zamora e da directiva da asociación, formada polo presidente Lars-Jörn Zimmer, o tesoureiro Frank Thaeger e a xerente Annemarie Schmidt.

Durante a xornada tratouse a renovación da presidencia da asociación para os próximos dous anos, que continuará ocupando o alemán Lars-Jörn Zimmer, ademais da presentación das actividades desenvolvidas pola entidade e a posta en común de proxectos impulsados polos distintos territorios que forman parte da rede.

A deputada provincial aproveitou a reunión para explicar aos representantes da Transrománica os resultados das actividades promovidas pola Deputación con motivo do Día da Transrománica, que nesta edición completaron as 300 prazas dispoñibles nas 16 rutas gratuítas polo patrimonio románico da provincia.

Tamén informou sobre os avances da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da UNESCO e sobre outras actuacións desenvolvidas pola institución provincial para a conservación, divulgación e promoción do patrimonio.

Pilar García Porto destacou que “desde que nos incorporamos á Transrománica en 2021 traballamos para aproveitar as oportunidades que ofrece esta rede paneuropea, impulsando iniciativas que contribúen á conservación, á divulgación e á promoción do noso rico patrimonio románico”.

A deputada engadiu que a protección do patrimonio “vai moito máis alá de conservar os monumentos; significa preservar a nosa identidade, crear oportunidades para o territorio e proxectar ao mundo aquelo que nos fai únicos”.

Como parte da organización da Asemblea, a Deputación preparou un programa de visitas para achegar aos participantes os principais recursos patrimoniais, culturais, paisaxísticos e enoturísticos da comarca.

O itinerario incluíu espazos como o Colexio de Nosa Señora da Antiga, o Museo de Arte Sacra das Clarisas e o Conxunto Monumental de San Vicente do Pino, en Monforte de Lemos. Ademais, os asistentes coñeceron o Convento do Divino Salvador de Ferreira de Pantón e as igrexas de San Estevo de Ribas de Miño e Santa María de Nogueira de Miño.

A programación completouse cunha visita a unha adega da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e cunha ruta en catamarán polo Canón do Sil.

Segundo explicou Pilar García Porto, “a mellor maneira de comprender un territorio é vivilo”, polo que o programa buscaba ofrecer unha visión ampla da riqueza patrimonial, paisaxística e enoturística da comarca.

A Deputación de Lugo forma parte da Transrománica desde 2021. Esta organización agrupa 14 territorios repartidos en dez países europeos: Austria, Alemaña, Croacia, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España.

A rede promove a conservación, o estudo e a difusión do patrimonio románico europeo, ademais de favorecer a cooperación entre territorios e impulsar o valor cultural, turístico e socioeconómico destes recursos.

Na provincia de Lugo, a ruta Transrománica está formada por dez igrexas románicas situadas en diferentes concellos da Ribeira Sacra: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; Santa María de Proendos, en Sober; e Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.

0.14292097091675