Miramontes pon en valor a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial nunhas xornadas no Saviñao

O director xeral de Patrimonio Cultura, Ángel Miramontes, puxo hoxe en valor a candidatura da Ribeira Sacra. Paisaxe da auga a Patrimonio Mundial da Unesco como “motor dun territorio, máis vivo, coidado e recoñecido no mundo”. Fíxoo na inauguración dunha xornada no Ecomuseo Arxeriz, no municipio lucense do Saviñao, co gallo da celebración do Día Internacional dos Monumentos e Sitios.
Neste senso, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que, desde a posta en marcha da candidatura en 2017, o Goberno galego “leva investido presto de 8 millóns de euros na rehabilitación e restauración dalgúns dos bens patrimoniais máis icónicos desta paisaxe cultura”.
Nesta liña, Angel Miramontes tamén destacou o Plan Ribeira Sacra que o Goberno galego aprobou en 2019. Ao respecto, explicou que se trata “dunha folla de ruta para toda a Xunta cunha partida de 34 millóns de euros para a protección, conservación e promoción do conxunto do territorio”. Ademais destas accións, sumou o plan especial para este ano co obxecto de impulsar a cultura nesta zona, que abrangue 26 concellos das provincias de Lugo e Ourense.
Por estes motivos, considerou que a candidatura, que vai ser avaliada en xullo no Comité de Patrimonio da Unesco que se celebra en Corea do Sur, está asentada “nun territorio que mantén vivo e máis coidado que nunca todo o seu espectacular patrimonio cultural e paisaxístico”.
A esta situación actual, engadiulle que nesta cita decisiva na cidade coreana de Busán se presenta un proposta “tecnicamente rigorosa e con argumentos sólidos” sobre os “atributos únicos e excepcionais, nunha paisaxe construída co uso da auga dun xeito novidoso que non está presente aínda de xeito suficiente na Lista de Patrimonio Mundial”, remarcou. Por estes motivos, asegurou que “se confía en que a Ribeira Sacra se faga co merecido e honroso recoñecemento internacional”, concluíu.
Precisamente, a xornada Ribeira Sacra Paisaxe da Auga. Patrimonio Vivo tamén incluíu a inauguración da exposición Somos auga. Os atributos da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial. A intención é que mostra permaneza permanentemente no Ecomuseo Arxeriz.