Medio Rural impulsa en Ribas de Sil a certificación de oliveiras autóctonas galegas

RibeiraSacraXa
O proxecto busca mellorar a calidade do aceite galego mediante a identificación e estudo destas variedades
recollida-oliveiras-ribas-de-sil
25 May 2026

A Consellería do Medio Rural continúa avanzando no proceso de identificación e certificación de variedades autóctonas de oliveira en Galicia co obxectivo de impulsar a calidade e a orixe do aceite producido na comunidade.

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou este luns na localidade luguesa de Ribas de Sil na recollida de exemplares de oliveiras dentro deste proxecto promovido pola Xunta de Galicia.

As mostras obtivéronse de oliveiras propiedade de Miguel Ángel Rodríguez, de Aceites Figueiredo, que colabora coa iniciativa mediante a cesión do material vexetal e a autorización para o seu uso por parte da axencia dependente de Medio Rural.

A actuación forma parte dun proceso que busca identificar e certificar variedades autóctonas galegas de oliveira. Nunha primeira fase analizarase o estado sanitario das plantas recollidas e, posteriormente, procederase á produción de planta certificada na Estación Experimental Agrícola de Baixo Miño, situada en Salceda de Caselas.

O obxectivo é que os produtores poidan dispoñer destas variedades e continuar estudando as súas características xenéticas e a súa capacidade de reprodución. A intención final pasa por potenciar a orixe autóctona e a calidade diferenciada do aceite galego.

Desde a Xunta sinalan que esta iniciativa forma parte da aposta do Goberno galego pola innovación, a investigación e a diversificación da actividade económica no rural, neste caso a través do sector olivícola.

0.12278294563293