Marilar Aleixandre presenta esta tarde no Ateneo Casino a súa novela 'As bocas cosidas'

O Ateneo Casino de Monforte de Lemos acollerá este venres, 19 de xuño, ás 20:00 horas, a presentación da novela As bocas cosidas, da escritora Marilar Aleixandre. O acto está organizado pola libraría Agrasar e contará coa participación do arqueólogo e investigador Xurxo Ayán, que acompañará á autora na presentación.
A obra parte dun episodio familiar relacionado coa identificación xenética dun parente enterrado nunha fosa común en Valencia, un feito que leva á recuperación dunha historia silenciada durante décadas. A partir deste punto de partida, a novela reconstrúe a vida de Antonio G., un guerrilleiro comunista morto en 1947, e afonda nos seus pasos desde a súa mocidade en Doña Mencía ata a súa participación na resistencia antifranquista, pasando polos campos de concentración e a posguerra.
O libro aborda tamén as consecuencias da represión e a memoria familiar e colectiva, poñendo o foco nas chamadas “feridas herdadas” e no silencio imposto arredor da Guerra Civil e a ditadura. A través dunha mestura de documentación e recreación literaria, a autora constrúe unha narración que busca recuperar voces esquecidas e darlles presenza no presente.
Marilar Aleixandre, membro da Real Academia Galega, conta cunha ampla traxectoria literaria e académica, con numerosas obras recoñecidas pola crítica e premiadas tanto no ámbito galego como estatal. A súa produción combina poesía, narrativa e ensaio, e destaca polo seu compromiso coa memoria, o feminismo e o pensamento crítico.