Máis de 852.000 euros para contratar 49 traballadores que reforzarán a prevención de incendios no sur de Lugo

O Goberno autonómico destinará algo máis de 852.000 euros aos concellos da zona sur da provincia de Lugo para financiar a contratación de 49 persoas desempregadas a través do programa Galicia Suma Talento: Rural Activo, unha iniciativa que combina a creación de emprego coa execución de actuacións de prevención de incendios forestais.
O delegado territorial en Lugo, Alfonso Villares, visitou o concello de Sober para coñecer de primeira man o traballo que desenvolven as cinco persoas incorporadas a este programa, acompañado polo alcalde da localidade, Luis Fernández Guitián.
As contratacións terán unha duración de nove meses a xornada completa e estarán orientadas á realización de tarefas vinculadas á planificación preventiva, os traballos silvícolas, a limpeza dos montes, a valorización forestal e a xestión da biomasa, actuacións destinadas a reducir o risco de incendios e contribuír á conservación do medio rural.
No reparto por municipios, O Saviñao e Quiroga contarán con seis traballadores cada un; Sober e Monforte de Lemos incorporarán cinco; Ribas de Sil, Folgoso do Courel e Pantón disporán de catro efectivos; mentres que Carballedo, Taboada, A Pobra do Brollón, Chantada e Bóveda contratarán tres persoas.
Durante a visita, Villares salientou que esta iniciativa busca cumprir un dobre obxectivo: facilitar a inserción laboral de persoas desempregadas e, ao mesmo tempo, reforzar as actuacións preventivas fronte aos incendios forestais, especialmente en zonas de especial sensibilidade durante a época estival.
A convocatoria incorpora ademais varias novidades nesta edición. Entre elas figura a creación da persoa coordinadora municipal de prevención de incendios nos concellos adheridos ao convenio con Seaga, unha figura encargada de organizar os equipos de traballo e coordinar as actuacións conforme á planificación autonómica.
Outra das melloras consiste en garantir aos municipios afectados por grandes incendios forestais e aos adheridos ao citado convenio o mesmo número de contratacións que na convocatoria anterior. Ademais, increméntanse os apoios para aqueles concellos que contan con máis superficie de faixas secundarias de xestión de biomasa.
Como complemento, o programa inclúe formación específica para o persoal coordinador en materias relacionadas coa prevención de incendios, o manexo de maquinaria forestal e a seguridade laboral, co propósito de mellorar a eficacia das actuacións sobre o territorio.