Máis de 100 persoas loitan contra a vespa velutina en Taboada

O Concello de Taboada, a través dunha publicación do alcalde Roi Rigueira, informou da celebración dunha charla informativa sobre prevención e loita contra a vespa velutina, na que participaron máis de 50 persoas, algunhas delas procedentes doutros municipios.
Máis de 50 persoas tanto de Taboada como doutros concellos participaron nesta sesión organizada polo propio Concello, na que se repartiu material gratuíto de trampeo e se ofreceron as claves para impulsar unha acción colectiva fronte a esta praga, que continúa afectando distintos puntos do territorio.
Segundo trasladou o alcalde, xa son 100 as persoas que actúan de maneira coordinada no municipio, o que permite cubrir as 27 parroquias de Taboada. Con todo, insístese na necesidade de ampliar a participación veciñal. “Aínda así, non é suficiente, canta máis xente se sume mellor, porque este é un problema colectivo que só se resolverá coa participación das administracións e da xente”, sinala Rigueira.
O goberno local subliña ademais que Taboada continúa a ser un referente neste ámbito. “Un ano máis, somos pioneiros e un exemplo a seguir por outras”, afirma o rexedor.