Luz verde para mellorar o alumeado público e impulsar a mobilidade sostible e accesible na Pobra do Brollón

RibeiraSacraXa
O Concello vén de recibir unha subvención de unha subvención que permitirá levar a cabo varias actuacións orientadas a mellorar a eficiencia enerxética, a mobilidade e a accesibilidade no termo municipal
casa-do-concello-a-pobra-do-brollon
8 May 2026

O Concello da Pobra do Brollón vén de recibir unha subvención da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), destinada á creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais. A achega ascende a 52.840 euros, o que cobre a totalidade do orzamento presentado polo municipio.

Grazas a este financiamento, levaranse a cabo varias actuacións orientadas a mellorar a eficiencia enerxética, a mobilidade e a accesibilidade no termo municipal. Entre elas figura a renovación do alumeado público en diferentes puntos da Pobra do Brollón, como a Avenida de Galicia, a pista deportiva de Samugueiros, a rotonda e a Casa da Cultura, así como a mellora da iluminación no núcleo de Parada dos Montes.

O proxecto inclúe tamén a instalación dun punto de recarga para vehículos eléctricos, co obxectivo de fomentar unha mobilidade máis sostible e respectuosa co medio ambiente.

No ámbito da accesibilidade, está prevista a adaptación do paso de peóns da Avenida de Galicia, coa rebaixa do bordo e a construción dunha rampla para facilitar o tránsito de persoas con mobilidade reducida.

Estas actuacións desenvolveranse ao longo do ano 2026 e buscan mellorar a calidade de vida da veciñanza, avanzando cara a un concello máis eficiente, sostible e inclusivo.

0.12417483329773