Lideira presentará o seu primeiro disco o 17 de outubro cun concerto na Casa da Cultura de Sober

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A banda galega ofrecerá unha actuación na que repasará os sete temas do seu primeiro traballo discográfico
Lideira
7 Oct 2026

A Casa da Cultura de Sober acollerá este sábado 17 de outubro, ás 20.00 horas, o concerto de Lideira, unha banda galega que aproveitará a cita para presentar en directo o seu primeiro traballo discográfico.

O álbum, publicado o pasado 17 de setembro baixo o mesmo nome do grupo, está composto por sete cancións. Entre elas atópanse ‘Azucre’ e ‘Maneo ventureiro’, os dous primeiros temas que a formación deu a coñecer antes do lanzamento do disco. O repertorio complétase con ‘Ronda Fandiña’, ‘Leró’, ‘Flor de maio’, ‘Cantaruxa’ e ‘Botei un ai’.

As composicións parten da tradición oral e da memoria, con referencias á poeta e activista Luz Fandiño e ás mulleres que conservaron e transmitiron algunhas das melodías recuperadas pola banda, entre elas Maruja da Crega, Erminda Miramontes e veciñas de Xesta, O Pereiro, Cambre, Toutón e Caroi.

Lideira leva estas músicas aos torreiros a través de propostas bailables e outras de carácter máis contemplativo, combinando materiais procedentes da tradición oral con arranxos propios. O resultado é un son no que se mesturan a voz, os saxos, as percusións de man e outros elementos.

A formación está integrada por Gabi Reboredo, encargada da voz e das percusións; Lois Prado, ao saxo tenor e sintetizador; Iago Ramilo, ao saxo alto, e Sara Méndez, ao saxo soprano. O cuarteto define a súa proposta desde a sinxeleza e un estilo propio dentro do panorama da música tradicional galega.

O disco foi gravado e mesturado no Estudio da Galiza Imaxinaria por Roberto Ledesma, cos arranxos musicais de Lois Prado e letras de Gabi Reboredo e de carácter popular. Antes da presentación en Sober, Lideira xa levou estas cancións aos escenarios do Festival Agrocuir da Ulloa e do Festival Maré de Compostela, entre outros.

As entradas para o concerto poderán adquirirse na propia billeteira antes da actuación e terán un prezo de 10 euros. As crianzas menores de 10 anos poderán acceder de balde.

0.15382409095764