Licitada a obra de reforma e modernización do pavillón municipal da Chaira no Pereiro de Aguiar

O pavillón municipal da Chaira avanza cara á súa modernización. A obra de remodelación e mellora do recinto xa foi licitada, un paso que abre a porta a unha renovación integral das súas instalacións co obxectivo de ofrecer espazos máis cómodos, modernos e funcionais a quen fai uso delas.
Entre as actuacións previstas figura a renovación dos vestiarios, a reforma dos corredores do recinto e a construción dun novo ximnasio municipal, unha infraestrutura que, segundo se trasladou, figuraba entre as peticións máis repetidas por parte da veciñanza.
Esta intervención súmase a outras melloras levadas a cabo no pavillón nos últimos anos, entre as que se inclúen actuacións orientadas á eficiencia enerxética, a renovación do seu aspecto exterior e a posta a punto da pista deportiva.
A obra conta cun orzamento de 617.000 euros, cuxo financiamento corre a cargo da Xunta de Galicia a través dun dos seus plans estratéxicos.