José Tomé reivindica o papel das parroquias e o rural no pregón das festas de San Roque de Gullade

RibeiraSacraXa
O alcalde de Monforte destacou o valor das celebracións parroquiais como espazos de convivencia e transmisión das tradicións e puxo en valor o patrimonio e a paisaxe da contorna
tome-pregon-gullade
24 Aug 2026

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, foi o encargado de pronunciar este sábado, 22 de agosto, o pregón das festas de San Roque de Gullade, nun acto inaugural no que estivo acompañado polos xogadores do Club Lemos Pablo Losada e Daniel Dafonte. Durante a súa intervención, o rexedor destacou o valor das festas parroquiais como espazos de encontro, convivencia e transmisión das tradicións entre xeracións.

José Tomé agradeceu a invitación para participar na celebración e recoñeceu especialmente o traballo das persoas que fan posible que as festas se manteñan cada ano. Segundo sinalou, detrás de cada celebración hai “moito traballo, moita ilusión e moitas horas entregadas” para conseguir que todo saia adiante.

O alcalde destacou tamén que estas celebracións permiten manter vivas as tradicións e transmitir aos máis novos as experiencias e lembranzas das xeracións anteriores. “Todos temos algunha lembranza das festas: unha música, unha comida, unha verbena, alguén da familia que xa non está”, sinalou, referíndose á maneira na que estas vivencias forman parte da memoria individual e da identidade colectiva das parroquias.

Tomé vinculou esta reflexión coa súa propia infancia e lembrou que naceu “nunha aldea de 3 casas”, onde as festas eran un acontecemento especialmente importante e constituían un motivo de encontro entre familiares e veciños.

Durante o pregón, o alcalde reivindicou o papel das parroquias dentro do municipio e lembrou que “Monforte non é só o seu núcleo urbano. Monforte tamén son as súas parroquias”. Neste sentido, destacou o compromiso do Equipo de Goberno de manterse próximo aos veciños e veciñas do rural, coñecer as súas necesidades e impulsar actuacións destinadas a mellorar a súa calidade de vida.

“Temos que estar aquí, escoitarvos, atender as vosas necesidades e intentar mellorar a vida de todos os veciños e veciñas”, afirmou.

O rexedor referiuse tamén á identidade propia de Gullade, ás súas tradicións e ao seu patrimonio, e citou como exemplo a igrexa parroquial de Santo Acisclo, situada en A Eirexe. O templo, de orixe no século XVII, converteuse ao longo das xeracións nun elemento destacado da vida espiritual e social da parroquia.

A intervención serviu igualmente para poñer en valor o patrimonio natural e paisaxístico de Gullade como parte da Ribeira Sacra, territorio do que Monforte exerce a capitalidade. Tomé destacou a paisaxe de interior desta zona, marcada polos montes, camiños, pequenas aldeas e espazos naturais.

Neste contexto, sinalou que, fronte ao ritmo acelerado da sociedade actual, estes lugares teñen “un valor extraordinario”, xa que permiten parar, mirar, conversar e recuperar o contacto coa natureza que forma parte da identidade do territorio.

O alcalde expresou ademais a súa confianza en que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio Mundial da UNESCO o vindeiro ano, culminando o recoñecemento internacional dos valores naturais, culturais, paisaxísticos e patrimoniais da zona.

A presenza no acto dos xogadores do Club Lemos Pablo Losada e Daniel Dafonte tamén permitiu a José Tomé reivindicar o papel do deporte como elemento de unión entre as persoas.

O alcalde puxo en valor a tempada realizada polo equipo monfortino, que estivo a piques de conseguir o ascenso a Terceira División, e animouno a afrontar a próxima campaña co obxectivo de lograr o ascenso. “O Lemos ten que estar en Terceira, por historia e por cidade”, afirmou.

José Tomé pechou o pregón desexando á veciñanza “unhas magníficas festas de San Roque” e animando a todos e todas a desfrutar da música, da alegría e dos encontros propios destas celebracións.

0.10332584381104