José Tomé destaca a posición privilexiada de Monforte de cara á eclipse e chama á pobocación a aproveitar unha “oportunidade única”

RibeiraSacraXa
O alcalde lembra que a cidade será un dos lugares privilexiados para contemplar a eclipse total, unha circunstancia que coincidirá ademais coa celebración das Festas Patronais da cidade
xornada-eclipse-monforte
17 Jul 2026

A Casa da Cultura de Monforte acolleu este xoves unha charla divulgativa sobre a eclipse solar total prevista para o vindeiro 12 de agosto, unha actividade organizada polo Concello en colaboración con La Voz de Galicia e impartida polo xornalista e divulgador científico Xavier Fonseca.

O encontro, aberto á participación da cidadanía, contou coa presenza do alcalde, José Tomé Roca, que agradeceu a colaboración do xornal e do relator na organización da iniciativa. Durante a súa intervención, o rexedor subliñou a importancia de coñecer mellor este fenómeno astronómico antes da súa chegada. “Para chegar ao 12 de agosto sabendo un pouco máis deste fenómeno, todo o que se agocha detrás e as claves que nos permitirán desfrutar da eclipse en toda a súa plenitude”, sinalou.

José Tomé destacou que Monforte será un dos lugares privilexiados para contemplar a eclipse total, unha circunstancia que coincidirá ademais coa celebración das Festas Patronais da cidade. Segundo indicou, este acontecemento representa “unha magnífica oportunidade para dar a coñecer Monforte, para mostrar a nosa capacidade de acollida e para seguir proxectando a imaxe dunha cidade que conta cun extraordinario patrimonio histórico, cultural e paisaxístico, e que se está modernizando para o futuro”.

No transcurso do acto, o alcalde lembrou tamén as medidas postas en marcha polo Concello para facilitar unha observación segura da eclipse. Entre elas figura a repartición gratuíta de lentes homologadas entre os nenos e nenas de entre 3 e 15 anos, así como a entrega de trípticos informativos con recomendacións sanitarias para contemplar o fenómeno con seguridade.

O rexedor tamén animou aos asistentes a prepararse con antelación para unha cita que terá unha duración moi limitada. “Apenas teremos 40 segundos para desfrutala na súa totalidade, polo que é moi importante organizarse ben e contemplar diferentes alternativas porque dependeremos doutros factores, como a meteoroloxía”, explicou.

Pola súa banda, Xavier Fonseca afondou durante a conferencia nos aspectos científicos das eclipses solares, repasou a súa relevancia histórica e explicou as circunstancias que converterán Galicia, e especialmente Monforte, nun dos mellores lugares para observar a eclipse do 12 de agosto. O divulgador tamén ofreceu consellos prácticos para planificar a observación e seguir o fenómeno con todas as garantías de seguridade.

0.12221598625183