Ítaca Teatro leva a Bóveda ‘Achifánfanos’ o 14 de novembro en Bóveda

RibeiraSacraXa
A Casa da Cultura acolle o sábado unha proposta escénica construída a partir de anécdotas persoais e pequenas historias de vida
'Achifánfanos' Ítaca Teatro
9 Nov 2026

A Casa da Cultura de Bóveda acollerá o vindeiro sábado 14 de novembro, ás 19.30 horas, unha nova cita da súa programación cultural coa chegada do espectáculo ‘Achifánfanos’, da compañía Ítaca Teatro. Trátase dunha proposta de narración oral protagonizada polo actor e contador de historias lucense Carlos Rebolo.

O nome da montaxe procede dunha expresión familiar que o propio Rebolo herdou da súa avoa. Segundo esa definición, un “achifánfano” é aquel obxecto ou aparello que, malia non servir aparentemente para nada, se acaba gardando sen ter moi claro o motivo. Esa idea serve de punto de partida do espectáculo, que traza un paralelismo entre os obxectos que conservamos e as lembranzas que, de xeito semellante, se van acumulando co paso do tempo.

Apoiándose en anécdotas da súa propia traxectoria vital, o actor recupera en escena historias que foi almacenando na memoria ao longo dos anos, moitas veces sen pensar que puidesen resultar de interese para outras persoas. Con ‘Achifánfanos’, decide finalmente compartilas co público nun formato íntimo e próximo, no que a narración oral converte esas vivencias pequenas e cotiás en relatos capaces de xerar conexión con quen as escoita.

0.15874314308167