Instalan na Igrexa de Hospital unha sarga monumental creada por Francisco Naranjo

RibeiraSacraXa
A obra será inaugurada oficialmente o vindeiro 17 de agosto nun acto presidido polo director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta e pon o broche a un longo proceso de recuperación do templo
nova-sarga-francisco naranjo-igrexa-do-hospital-quiroga
20 Jul 2026

A Igrexa de Hospital conta xa cunha nova sarga monumental dedicada ao bautismo de Xesús, unha creación do pintor, restaurador e deseñador artístico malagueño Francisco Naranjo, que se desprazou ata terras quiroguesas para ultimar os traballos de instalación da peza no baptisterio do templo.

A obra foi realizada mediante a técnica da sarga, un procedemento de grande tradición histórica consistente na execución dunha pintura de gran formato ao amorne sobre unha tea lixeira sen imprimación previa. Esta técnica, amplamente utilizada durante a Idade Media e nos séculos XV e XVI en Flandes e España, achega ao espazo un carácter medieval acorde coa sobriedade arquitectónica da igrexa.

Francisco Naranjo mantén unha estreita vinculación co patrimonio relixioso da zona, especialmente co Santuario de Santa María da Ermida, onde participou en diferentes actuacións patrimoniais nos últimos anos. Entre elas figura a restauración integral da Virxe dos Remedios, realizada en 2024, na que se levou a cabo a limpeza e recuperación da imaxe, unha escultura medieval de alabastro de orixe inglesa datada entre os séculos XIV e XV.

O artista foi tamén o responsable do deseño da coroa empregada na coroación canónica da Virxe dos Remedios, unha peza de ouro e prata coa que a imaxe foi coroada liturxicamente o 9 de setembro de 2024. Así mesmo, encargouse da creación do diploma xubilar e da cartelería oficial tras a declaración do Santuario como templo xubilar.

A súa colaboración coa promoción do patrimonio local estendeuse tamén ao ámbito filatélico, xa que ilustracións e debuxos inspirados na imaxinería relixiosa da contorna foron seleccionados como base para emisións oficiais de selos de Correos e protagonizaron exposicións de iconografía sacra na provincia de Ourense.

A instalación desta nova sarga supón a culminación dun amplo proceso de intervencións levado a cabo na Igrexa de Hospital ao longo das últimas dúas décadas. As actuacións iniciáronse en 2005 cun investimento de 70.000 euros coordinado entre o Concello, o Obispado de Lugo e a Consellería de Cultura para acometer a consolidación do edificio.

O esforzo institucional continuou en 2010 cun novo investimento de 92.000 euros destinado á protección deste ben patrimonial. A partir dese momento foi a comunidade parroquial quen asumiu o impulso das actuacións, conseguindo recuperar os tres retablos barrocos do templo, así como a totalidade da súa iconografía e das pezas de ourivaría.

A sarga, creada expresamente para o baptisterio da Igrexa do Salvador de Hospital, será inaugurada oficialmente o próximo 17 de agosto nun acto que contará coa participación do director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, Ángel Miramontes Carballada.

A elección desa data responde tamén ao seu significado simbólico, xa que a bendición da obra servirá para render homenaxe ao sitio de Rodas de 1480, considerado unha das vitorias militares máis destacadas dos Cabaleiros Hospitalarios da Orde de San Xoán.

0.13963294029236