Inaugurado o novo salón de actos do Instituto Lama das Quendas

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou este xoves un investimento superior aos 1,5 millóns de euros da Xunta destinado á mellora dos centros educativos de Chantada, no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
Fíxoo durante a inauguración do novo salón de actos do Instituto Lama das Quendas, unha das actuacións principais deste programa, que supuxo un investimento próximo aos 750.000 euros.
Rodríguez subliñou a importancia destas actuacións dentro da modernización das infraestruturas educativas e sinalou que se trata de intervencións que melloran de forma directa a vida diaria da comunidade escolar. Neste sentido, afirmou que “estamos falando, en todos os casos, de obras moi importantes para mellorar a comodidade diaria da comunidade escolar chantadina”, e engadiu que este tipo de investimentos “reafirman o compromiso da Xunta coa prestación de servizos públicos de calidade e coa ensinanza no rural”.
O conselleiro lembrou ademais outras actuacións realizadas en centros da zona. No caso do Colexio Plurilingüe Xoán Requeixo, o pasado ano leváronse a cabo melloras no edificio de aulas e no comedor, coa substitución de fiestras, portas e cubertas, cun investimento que superou os 460.000 euros. Tamén no IES Val do Asma executáronse traballos de renovación de fiestras, portas, canalóns e falsos teitos, cun orzamento próximo aos 300.000 euros.
O novo salón de actos do IES Lama das Quendas conta con máis de 200 prazas, 206 butacas e espazos adaptados para persoas con mobilidade reducida. O edificio inclúe escenario, camerinos, almacén, zonas técnicas e unha área destinada á gravación de actividades. Ademais, o seu deseño incorpora elementos como unha cuberta a dúas augas que favorece a entrada de luz natural e unha integración visual co contorno.
A actuación sitúase na parte posterior do recinto educativo e foi deseñada tendo en conta a pendente do terreo e a conservación da arborada existente, co obxectivo de reducir o impacto ambiental e mellorar a integración paisaxística mediante unha forma ovalada que tamén favorece a acústica do espazo.
Esta intervención completa as obras de rehabilitación enerxética realizadas no centro en 2020, que supuxeron un investimento de 650.000 euros.