IGV denuncia a falta de brigadas forestais en concellos do sur de Lugo e reclama un operativo público centralizado

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A formación asegura que Sober, Pantón e O Saviñao carecen este verán de brigadas municipais e atribúe a situación á precariedade das contratacións e ao actual modelo de xestión
incendio-quiroga
5 Aug 2026

Interior Galego Vivo (IGV) denuncia que os concellos de Sober, Pantón e O Saviñao non dispoñen este verán de brigadas municipais de prevención e extinción de incendios forestais, unha situación que a entidade atribúe ás dificultades para cubrir as prazas de xefatura de brigada e que considera unha mostra do fracaso do actual modelo de organización do operativo.

Segundo explican, no caso de Sober a convocatoria para contratar o persoal da brigada publicouse o 16 de xuño, pero non foi posible atopar candidatos que cumprisen os requisitos para exercer como xefe de brigada, polo que o Concello renunciou finalmente á posta en marcha do servizo o pasado 7 de xullo. IGV asegura que circunstancias semellantes se produciron tamén en Pantón e no Saviñao.

A formación considera que a dificultade para cubrir estes postos está relacionada coas condicións laborais ofertadas, consistentes en contratos temporais de tres meses, con elevada responsabilidade e un salario bruto mensual próximo aos 1.450 euros, segundo o concello. Na súa opinión, esta situación evidencia a necesidade dun operativo profesionalizado e estable.

IGV lembra que as brigadas municipais funcionan ao abeiro dos convenios de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e os concellos, mediante os que a Xunta financia parte dos custos mentres as administracións locais asumen a contratación do persoal, a xestión dos medios e a organización dos traballos. A entidade considera que este sistema incrementa a carga administrativa dos municipios e responde, ao seu xuízo, á vontade de evitar unha maior contratación directa por parte da Administración autonómica.

Desde a formación sosteñen que o modelo actual leva décadas en funcionamento sen resolver, ao seu entender, as deficiencias estruturais da prevención de incendios. Neste sentido, cifra en arredor de 38 millóns de euros anuais o investimento destinado ás brigadas municipais, ás achegas dos concellos e a outras subvencións vinculadas á prevención.

Ademais, afirman que numerosos concellos non dispoñen de convenios con Seaga para a xestión das faixas de protección e denuncia que existen plans municipais de prevención que, segundo asegura, non se aplican ou presentan importantes deficiencias. Tamén sostén que non se tramitan de forma habitual expedientes sancionadores contra os propietarios que incumpren a obriga legal de limpar as parcelas.

Por este motivo, reclaman unha auditoría independente sobre a eficacia das brigadas municipais e insiste na creación dun operativo de prevención e extinción de incendios totalmente público, centralizado e profesionalizado, dependente da Xunta de Galicia.

A coordinadora de IGV, Paula Verao, sostén que “os concellos da chamada Ribeira Sacra teñen que deixarse de meter millonadas en propaganda, festivais e feiras do viño e protexer a xente, a paisaxe e a economía tradicional, que é o que permite ter viño e turismo. A disxuntiva é ou patrimonio real da xente, ou decorado”. A entidade defende que o servizo de prevención e extinción de incendios debería estar integrado integramente na Xunta, sen participación de Seaga, concellos nin empresas privadas.

0.13835191726685