Iago Suárez será o candidato do BNG á Alcaldía de Chantada

O Bloque Nacionalista Galego designou por unanimidade a Iago Suárez como cabeza de lista á Alcaldía de Chantada nas vindeiras eleccións municipais de 2027. A decisión foi adoptada na Asemblea Local da organización, celebrada onte, na que as persoas afiliadas respaldaron a súa candidatura.
Suárez, veciño de Chantada e actual responsable local do BNG, afronta esta designación “con ilusión e con ganas de devolver o BNG ao lugar que lle corresponde na corporación municipal”, segundo trasladou tras ser escollido. O candidato amosou tamén o seu agradecemento polo apoio recibido por parte da militancia: “son unha honra ser elixido polas miñas compañeiras e compañeiros como o candidato á Alcaldía do noso concello”.
Na súa intervención, o nacionalista afirmou que o seu obxectivo é traballar por un proxecto de goberno alternativo no municipio e sinalou que “faremos o posible por devolver o BNG ao lugar que lle corresponde na corporación municipal para defender Chantada e Galiza”.
Iago Suárez, nacido en 1997, é deputado no Parlamento de Galicia desde 2024. Segundo explicou, nestes anos centrou parte do seu labor político na defensa de investimentos e melloras para o municipio, así como na oposición a proxectos como a macroplanta de baterías de litio prevista en Pesqueiras.
O xa candidato á Alcaldía destacou tamén que “un BNG forte no concello de Chantada é garantía de traballo e entrega” e avanzou que, de contar co apoio da veciñanza, apostarán por un “goberno de progreso que consiga facer Chantada avanzar despois de anos de estancamento”.
Ademais da súa actividade política, Suárez forma parte da directiva da Sociedade Deportiva Chantada, onde exerce como tesoureiro, e tamén participa no grupo musical TIAM Gz.