Folgoso do Courel inicia os trámites para resolver o convenio coa Deputación de Lugo para construir a residencia de maiores

O Concello de Folgoso do Courel aprobou hoxe en pleno extraordinario iniciar os trámites para a resolución do convenio coa Deputación de Lugo destinado á construción dunha residencia e centro de día para a terceira idade.
A decisión adoptouse tras constatar, segundo o Goberno municipal, que a Deputación de Lugo non realizou ningunha actuación material nin iniciou o proceso de licitación das obras, a pesar de que o prazo máximo e improrrogable de vixencia do convenio remata o vindeiro 26 de xullo de 2026.
Segundo se expuxo no pleno, o Concello de Folgoso do Courel cumpriu coas obrigas establecidas no acordo, xa que no ano 2019 procedeu á cesión gratuíta dunha parcela de preto de 7.500 metros cadrados para a construción da infraestrutura e, posteriormente, outorgou a correspondente licenza municipal.
A falta de poucas semanas para a finalización do convenio, o Concello considera que os prazos legais fan material e xuridicamente imposible que se poidan licitar, adxudicar, executar e recibir as obras dentro do período establecido.
Por este motivo, o Pleno acordou iniciar os trámites necesarios para recuperar a titularidade dos terreos cedidos e continuar defendendo os intereses da veciñanza de Folgoso do Courel.
Desde o Concello lémbrase que se leva agardando por esta infraestrutura desde o ano 2018, e reitérase o compromiso de traballar para que o municipio conte cos servizos necesarios e para que as persoas maiores poidan recibir atención sen ter que abandonar o seu territorio.