Folgoso do Courel estrea a nova rúa Sandra Rodrigo tras un investimento de 300.000 euros

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou as obras realizadas en Folgoso do Courel para crear un novo vial de acceso a Fondo da Vila, unha actuación executada ao abeiro do Plan Hurbe e que supuxo un investimento próximo aos 300.000 euros.
O proxecto foi financiado nun 70 % pola Xunta e no 30 % restante polo Concello de Folgoso do Courel. A administración local puido asumir a súa parte mediante un préstamo do Fondo de Cooperación que o Goberno galego pon á disposición dos municipios de menos de 50.000 habitantes.
A nova vía facilita o acceso a Fondo da Vila, onde se concentran equipamentos como o albergue, o edificio de usos múltiples e o museo. Durante a visita, Allegue destacou que a intervención permitirá “mellorar a conectividade e competitividade deste fermoso concello de Folgoso do Courel”.
O novo vial levará o nome de Sandra Rodrigo, en recoñecemento ao seu labor para impulsar a creación desta infraestrutura. O acto de descubrimento da placa serviu tamén como homenaxe á súa memoria e á súa familia.
A intervención incluíu a construción dunha calzada apoiada parcialmente sobre un muro de contención e a instalación dunha varanda de madeira na marxe para separar o espazo peonil da vía destinada aos vehículos. Con esta solución búscase favorecer unha circulación máis segura e compatible entre peóns e tráfico rodado.
Os traballos completáronse coa instalación dun sistema de drenaxe mediante sumidoiros ao longo de toda a vía, conectados cun colector xeral, así como coa colocación de sinalización vertical e marcas viarias.
Allegue puxo esta actuación como exemplo das intervencións desenvolvidas a través do Plan Hurbe, un programa mediante o que a Xunta colabora cos concellos na mellora das contornas urbanas e dos equipamentos públicos.