Folgoso do Courel celebra un obradoiro escolar sobre o reparto dos coidados

RibeiraSacraXa
A actividade levou ao alumnado a reflexionar sobre quen se ocupa das tarefas de coidado e como repartilas de forma máis equitativa
nenos-colexio-recurso
Foto: Concello de Folgoso do Courel
15 Nov 2026

Folgoso do Courel acolleu o desenvolvemento do obradoiro ‘Espazo compartido: corresponsabilidade’, unha actividade dirixida ao alumnado do colexio e conducida pola educadora social Paula Santos, centrada en poñer sobre a mesa como se organizan os coidados dentro do fogar e da vida cotiá.

A proposta articulouse en torno a dous eixos de reflexión: ‘Quen coida aquí?’ e ‘Os coidados compartidos’. O primeiro deles serviu para que o alumnado identificase quen asume habitualmente, dentro da súa contorna familiar, tarefas como a atención a outras persoas, as labores domésticas ou a organización do día a día. O segundo bloque puxo o foco en como repartir estas funcións de maneira máis equilibrada, evitando que recaian de forma desigual sobre uns ou outros membros da familia.

O Concello deu a coñecer recentemente que, a través destas dúas dinámicas, o obradoiro buscou fomentar entre os máis novos unha mirada crítica sobre o reparto de responsabilidades domésticas e de coidado, co obxectivo de que esta reflexión poida trasladarse tamén aos seus propios fogares.

A actividade enmárcase dentro do Plan Corresponsables, un programa cofinanciado polo Ministerio de Igualdade do Goberno de España, que impulsa este tipo de accións formativas orientadas a promover a corresponsabilidade nos coidados e a sensibilizar sobre a importancia de repartir estas tarefas de forma equitativa, tamén desde o ámbito educativo.

0.14894819259644