Finalizadas as obras de mellora do firme na estrada entre A Encomenda e Penapetada, na Pobra de Trives

RibeiraSacraXa
A actuación desenvolveuse en colaboración coa Deputación de Ourense para responder ás demandas veciñais de mellora deste vial
estrada-pista-a-pobra-de-trives
7 Jul 2026

O Concello da Pobra de Trives rematou nos últimos días os traballos de reparación do firme mediante rego asfáltico na estrada que comunica os núcleos da Encomenda e Penapetada.

A actuación levouse a cabo a través dunha colaboración entre o Concello e o parque de maquinaria da Deputación de Ourense. No marco deste acordo, a administración local asumiu o custo correspondente ao subministro dos materiais necesarios para a obra, mentres que a institución provincial se encargou da achega da maquinaria e da man de obra para executar os traballos.

Segundo se indica desde o Concello, a intervención permitiu atender unha demanda trasladada desde hai tempo pola veciñanza da zona, que viña reclamando melloras neste vial debido ao seu estado de deterioro.

A renovación do firme permitirá mellorar as condicións de circulación e incrementar a seguridade viaria nunha estrada utilizada habitualmente para os desprazamentos diarios dos residentes, tanto para o acceso ás vivendas como para o desenvolvemento de actividades agrícolas e gandeiras.

Desde o Concello da Pobra de Trives sinalan ademais que este tipo de actuacións forman parte do plan de mellora das infraestruturas municipais, orientado a atender as necesidades trasladadas pola veciñanza das distintas parroquias do municipio.

0.12595200538635