Estudantes de O Saviñao participaron no proxecto interxeracional ‘Fálame da emigración’

O CPI Dr. López Suárez de O Saviñao acolleu este martes unha sesión do programa interxeracional «Fálame da emigración», impulsado por Afundación, a Obra Social de ABANCA. A iniciativa, que chega á súa décima edición, reúne estudantes de secundaria e bacharelato con persoas maiores voluntarias dos Espazos +60 de Afundación para compartir experiencias arredor da emigración.
No encontro participaron 33 alumnos de 3º e 4º da ESO xunto con persoas maiores vinculadas ao Espazo +60 de Monforte. A través do diálogo na aula, intercambiaron vivencias sobre os movementos migratorios do pasado e do presente, explorando tanto as motivacións para emigrar como as dificultades e aprendizaxes asociadas a estas experiencias.
O programa desenvólvese en varios centros educativos de Galicia e baséase en materiais didácticos, testemuños e dinámicas de conversa que buscan fomentar a reflexión e a empatía entre xeracións. No caso de O Saviñao, a actividade enmárcase no segundo encontro do curso neste centro educativo.
Unha avaliación realizada por Afundación sobre os seus programas interxeracionais, baseada na participación de 543 estudantes de 16 centros entre os cursos 2023-2024 e 2024-2025, sinala un impacto positivo na redución de estereotipos negativos sobre o envellecemento. Os resultados amosan que a porcentaxe de alumnado con baixa presenza de prexuízos pasou do 77% ao 89% tras a participación, ademais de incrementarse a percepción de puntos en común entre xeracións do 68% ao 76%.
Desde a Área de Maiores de Afundación destácase que este tipo de iniciativas contribúen a mellorar a convivencia social e a combater o idadismo, en liña coas recomendacións internacionais sobre intervencións educativas e interxeracionais.
O programa «Fálame da emigración» forma parte da liña estratéxica «O valor da experiencia» e busca xerar espazos de encontro onde maiores e mozos poidan dialogar en condicións de respecto, escoita activa e recoñecemento mutuo, reforzando ademais o papel das persoas maiores como transmisoras da memoria histórica.