Espertamonforte acusa o Concello de "mirar para outro lado" mentres o persoal de limpeza dos colexios leva meses sen cobrar

Espertamonforte denuncia que cinco traballadoras encargadas da limpeza dos colexios públicos A Gándara, Infanta Elena e Colexio Novo levan meses sen percibir os seus salarios e que algunhas acumulan débedas de ata 3.000 euros. O grupo municipal responsabiliza o goberno local de non actuar a pesar dos avisos sobre as deficiencias do servizo e cuestiona a adxudicación do contrato a unha empresa que xa fora declarada insolvente en varias ocasións.
O Concello adxudicou en xuño de 2025 a limpeza dos tres centros educativos á empresa Dondore's Management, S. L., por un importe de 149.100 euros, IVE incluído, para dous anos prorrogables. Segundo Espertamonforte, o Boletín Oficial do Rexistro Mercantil recollía xa seis declaracións de insolvencia da empresa durante 2024, antes de que se lle concedese o contrato municipal.
O concelleiro Jaime Germán Vázquez Pérez denuncia a situación na que se atopan as traballadoras, que continúan acudindo aos centros cada mañá para limpar aulas, baños, corredores e comedores, a pesar de levar meses sen cobrar e de non dispoñer, en ocasións, dos produtos necesarios para realizar o seu labor. «Estamos falando de familias que levan meses traballando sen recibir a súa nómina, mentres as facturas, o aluguer ou a hipoteca seguen chegando puntualmente. Cada mes que pasa sen cobrar é un mes máis de incerteza», sinala.
Desde a formación municipal sosteñen que o Concello recibiu avisos reiterados durante o curso pasado por parte das direccións dos colexios, que alertaron tanto das deficiencias na limpeza como da falta de material. «O goberno municipal non pode dicir agora que non sabía nada. Os incumprimentos estaban enriba da mesa desde hai meses», afirma Vázquez, que cuestiona que medidas adoptou o executivo local ante estas comunicacións.
A situación fíxose pública esta semana a través do sindicato Comisións Obreiras (CCOO), que cualificou a adxudicataria como unha «empresa fantasma de Sevilla» e asegurou que a súa encargada non se presentou nos centros. O sindicato anunciou unha denuncia ante a Inspección de Traballo e unha demanda no Xulgado do Social. Segundo CCOO, as direccións dos colexios tamén trasladaran as súas queixas ao alcalde e á tenente de alcalde.
Espertamonforte considera especialmente grave que os antecedentes da empresa puidesen consultarse antes da adxudicación. A formación sinala que o BORME recolle ata oito declaracións de insolvencia en procedementos xudiciais de execución entre maio de 2024 e abril de 2026, seis delas correspondentes a 2024. O grupo tamén apunta á existencia de testemuños de traballadores doutras localidades que, desde 2022, denunciaron atrasos salariais, falta de material e dificultades para contactar coa dirección da empresa.
«Calquera veciño con cinco minutos e un teléfono móbil podía atopar esta información. A pregunta é se o Concello a buscou e, se a atopou, por que lle adxudicou igualmente a limpeza dos nosos colexios», cuestiona Vázquez. O concelleiro reclama explicacións sobre os criterios empregados para seleccionar a empresa e sobre os mecanismos de control do contrato municipal.
A formación advirte, ademais, de que a falta de produtos de limpeza nos centros escolares non é unha cuestión menor, xa que pode afectar á hixiene das aulas, dos baños e dos comedores utilizados a diario polo alumnado e polo persoal educativo. «Estamos a falar de colexios de infantil e primaria, e dun centro de educación especial. A limpeza non pode depender de que o persoal se arranxe como poida co pouco material que chega», engade Vázquez.
O grupo municipal relaciona este caso coa falta de canles estables de comunicación entre os centros educativos e o Concello. Por iso, anuncia que presentará no próximo pleno unha moción para crear o Consello Escolar Municipal, un órgano previsto pola lexislación galega que Monforte aínda non constituíu. Segundo Espertamonforte, este mecanismo permitiría trasladar as necesidades e as queixas dos centros educativos á corporación de maneira regular.
A formación tamén levará o caso ao próximo pleno mediante unha serie de preguntas dirixidas ao goberno local, coas que pretende obter explicacións sobre a adxudicación do contrato e a supervisión do servizo, así como defender os dereitos das persoas afectadas. «Non imos permitir que estas persoas paguen os erros do Concello. Se a empresa non cumpre, quen a contratou ten que dar a cara», conclúe Vázquez.