Esperta Monforte reclama revisar os accesos á Romaría de San Mateo polo deterioro das vías

RibeiraSacraXa
O Concello de Monforte celebrou esta semana unha mesa de seguridade para coordinar o dispositivo da romaría
estado-saida-san-mateo
19 Sep 2026

Esperta Monforte expresou o seu malestar polo estado no que se atopan varias vías previstas para a saída dos vehículos da Romaría de San Mateo, que se celebrará o vindeiro luns, 21 de setembro, na parroquia de A Parte. A formación considera necesario revisar e acondicionar as estradas antes da celebración, ante a importante afluencia de vehículos prevista.

O Concello de Monforte celebrou esta semana unha mesa de seguridade para coordinar o dispositivo da romaría. Segundo informou o propio Concello, a circulación estará organizada en sentido único, coa entrada desde Ribas Altas pola antiga estrada de Lugo e Valverde, mentres que a saída se realizará pola pista do canal de regadío en dirección á Reigada e Monforte, pola rúa Juan Montes. Tamén se contempla o uso das pistas da concentración parcelaria cara a Ribas Pequenas e Bóveda.

É precisamente nestas vías de saída e nas pistas da contorna onde Esperta Monforte reclama que se preste especial atención ao estado do firme. Segundo a formación, nas imaxes difundidas poden observarse tramos con desgaste, irregularidades e zonas de firme deteriorado, unha situación que, ao seu entender, debería ser revisada antes da chegada dunha xornada na que se prevé unha importante concentración de vehículos.

“Non abonda con organizar o tráfico se as propias vías polos que teñen que circular centos de vehículos non presentan unhas condicións axeitadas. A seguridade viaria tamén depende do estado das estradas”, sinala Esperta Monforte.

A formación considera especialmente importante comprobar o estado das pistas que serán utilizadas para desconxestionar a saída da zona da festa e facilitar a circulación cara a diferentes puntos da contorna. Por este motivo, reclama unha revisión inmediata dos accesos e que se leven a cabo, antes da romaría, as actuacións de mantemento que sexan necesarias, especialmente nos puntos nos que o firme presenta maior deterioro.

O Concello anunciou que o dispositivo contará con sinalización específica, control permanente do tráfico e presenza da Policía Local, Policía Nacional e Garda Civil de Tráfico, así como coa colaboración de Bombeiros, Protección Civil e persoal municipal.

Esperta Monforte considera que estas medidas de control deben ir acompañadas dunhas condicións adecuadas das vías de circulación, especialmente tendo en conta a afluencia de persoas e vehículos prevista para a celebración de San Mateo. A formación reclama así que se actúe con antelación para evitar que o estado das vías se converta nun factor engadido de risco durante a saída da romaría.

0.12866997718811