Esgos prepárase para render homenaxe a Otero Pedrayo

O vindeiro sábado, 28 de novembro, ás 19.00 horas, o Centro Cultural Parada Justel abrirá as súas portas para a presentación de 'Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe', o documental dirixido por María José Bravo Bosch que percorre a vida e o legado dunha das figuras máis destacadas das letras e o pensamento galego.
O traballo audiovisual pon o foco no estreito vínculo que o escritor mantivo co territorio e a paisaxe de Galicia, un fío condutor que atravesa boa parte da súa obra literaria e de pensamento.
A cita, que conta coa implicación conxunta da Fundación Otero Pedrayo e o Concello de Esgos —entidades que cursaron o convite para este acto, no que tamén colabora a Xunta de Galicia—, preséntase como unha oportunidade para que os veciños e veciñas da comarca, así como calquera persoa interesada, se acheguen á traxectoria dun autor cuxa pegada segue moi presente na memoria cultural galega.