Esgos aproba unha ordenanza para regular a corta e o transporte de madeira no municipio

O Concello de Esgos conta xa cunha ordenanza propia que regula as operacións de corta e saca de madeira dentro do seu termo municipal. A norma, aprobada de xeito definitivo polo pleno, procura compatibilizar a actividade do sector forestal coa conservación da contorna natural, o mantemento de pistas e camiños e a seguridade nas estradas do municipio.
O texto entende por "corta e saca de madeira" todas as tarefas vinculadas á obtención e ao traslado de madeira, desde os labores previos —como o movemento de maquinaria ou a apertura de accesos ás fincas— ata os posteriores, como o almacenamento, a carga e a xestión dos restos xerados tras a tala.
Comunicación previa obrigatoria
Quen vaia realizar este tipo de traballos deberá presentar unha comunicación no rexistro municipal cunha antelación mínima de tres días respecto ao inicio da actividade. Nese escrito deberán figurar datos como a identidade do propietario do terreo e da persoa ou empresa que execute a corta, a especie e cantidade de madeira prevista, a localización exacta da finca, as datas de inicio e remate dos traballos, os vehículos e a maquinaria que se vaian empregar, o lugar de depósito da madeira, as vías polas que se transportará e o sistema previsto para limpar os viarios afectados.
Tamén será necesario acreditar, cando corresponda, o permiso correspondente e un seguro de responsabilidade civil en vigor que cubra posibles danos. Se non se dispón desta póliza, a persoa responsable deberá constituír unha fianza en metálico ou un aval bancario.
O Concello porá á disposición das persoas interesadas un modelo normalizado para facilitar este trámite, cuxo formulario se deu a coñecer no boletín oficial correspondente ao día 21 de outubro.
Limpeza, sinalización e prohibicións
A ordenanza impón a quen execute a corta a obriga de retirar diariamente os restos xerados, de xeito que as pistas e camiños queden, ao finalizar cada xornada, no mesmo estado en que se atopaban antes de iniciar os traballos. Ademais, será obrigatorio sinalizar correctamente as zonas de extracción e depósito da madeira conforme coa normativa de tráfico.
O texto prohibe de forma expresa utilizar as vías públicas como lugar de almacenamento de madeira, así como prohibe tamén os movementos de terra que, polas súas características, excedan do necesario para as operacións. Igualmente, esíxese repoñer ao estado orixinal as ramplas ou accesos abertos para entrar nas fincas, evitando así que a auga da choiva arrastre terra e provoque danos nos camiños municipais.
Responsabilidade e infraccións
A persoa que realice a corta será responsable directa dos danos que se poidan ocasionar a persoas ou bens como consecuencia destes traballos, incluídos os causados por terceiros que actúen no seu nome ou co seu consentimento. O Concello poderá esixir unha garantía económica cando non exista seguro que cubra estas eventualidades, cuxo importe se fixará segundo o volume de madeira, a maquinaria empregada e o estado das vías afectadas.
A norma clasifica as infraccións en leves, graves e moi graves. Entre as máis severas inclúense non presentar a documentación tras ser requirida polo Concello, deixar as vías nun estado de sucidade que supoña un risco para a seguridade viaria, ou provocar danos superiores a 6.000 euros nas pistas municipais. As sancións económicas poderán alcanzar os 3.000 euros nos casos máis graves, mentres que as infraccións leves castigaranse con multas de ata 300 euros.
Antes de aplicar calquera sanción, o Concello requirirá á persoa responsable para que corrixa a situación e repare os danos, concedéndolle un prazo que non poderá superar o mes. Se non se atende este requirimento, o propio Concello poderá executar os traballos necesarios e repercutir o seu custo a quen cometese a infracción.