Esgos abre dúas liñas de axudas para familias: material escolar de infantil e natalidade

O Concello de Esgos puxo en marcha dúas convocatorias de axudas dirixidas ás familias do municipio, unha destinada a sufragar gastos de material escolar no segundo ciclo de Educación Infantil e outra orientada a compensar os gastos derivados do nacemento, adopción, acollemento ou tutela de menores durante 2026. O formulario de solicitude correspondente figura publicado no boletín oficial provincial do 21 de outubro.
No caso das axudas escolares, a partida total ascende a 1.000 euros e concederase por orde de entrada das solicitudes ata esgotar o crédito dispoñible. Poderán beneficiarse as familias con fillos matriculados nos cursos de 4º, 5º e 6º de infantil (3, 4 e 5 anos), tanto en centros públicos como privados con tramos concertados, cunha axuda de 70 euros por neno ou nena. O diñeiro está pensado para cubrir a compra de material escolar funxible —cadernos, folios, lapis ou libros—, material complementario como mochilas ou estoxos, roupa e calzado deportivo, así como prendas de abrigo.
Entre os requisitos para acceder a esta axuda figura que todos os membros da unidade familiar estean empadroados en Esgos dende, cando menos, xaneiro de 2025, que os menores estean escolarizados no ciclo de infantil e que a familia estea ao día coas súas obrigas tributarias municipais. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes dende o día seguinte á publicación do anuncio, e a documentación deberá entregarse no Rexistro Xeral do Concello ou polos medios electrónicos habilitados. Os gastos deberán xustificarse como máximo o 1 de decembro de 2026, mediante facturas orixinais, e o pago realizarase por transferencia bancaria.
Doutra banda, a axuda á natalidade conta cunha dotación de 3.000 euros e busca axudar economicamente ás familias con menores nados, adoptados, acollidos ou tutelados ao longo de 2026. A contía máxima por menor será de 500 euros, destinados a cubrir gastos como roupa, calzado, artigos de puericultura, produtos de hixiene, alimentación infantil ou mobiliario como carriños ou cambiadores.
Poderán optar a esta axuda os proxenitores, titores ou familias acolledoras dun menor nado ou cuxa situación de adopción, acollemento ou tutela se constituíse entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2026, sempre que figuren empadroados en Esgos con polo menos un ano de antigüidade previo á solicitude. Tamén poderán solicitala quen, polo reparto do crédito dispoñible na convocatoria de 2025, percibiron daquela unha cantidade inferior aos 500 euros por menor, caso no que poderán optar á diferenza ata ese límite.
Os prazos de presentación varían segundo a data do nacemento ou constitución da adopción, acollemento ou tutela: dez días hábiles dende a publicación do anuncio para os casos xa producidos, ou dez días hábiles dende o feito causante para os que teñan lugar con posterioridade. A xustificación dos gastos deberá realizarse, con carácter xeral, antes do 1 de decembro de 2026, agás para os nacementos ou situacións producidas en decembro, cuxo prazo se estende ata o 20 de xaneiro de 2027.
Ambas as dúas axudas son incompatibles con outras concedidas por outros concellos coa mesma finalidade, aínda que si poden combinarse coas que ofrezan o Estado ou a Xunta de Galicia, sempre que a suma total non supere o custo real do gasto realizado.