Entrevista: "Os gatos son os grandes esquecidos das cidades"

RibeiraSacraXa
Falamos co presidente de Miau Lemos, a asociación constituida en xaneiro para ofrecer unha vida mellor aos gatos rueiros de Monforte
gato
gato
21 mar 2021

En xaneiro deste ano nacía Miau Lemos, co obxectivo de protexer e ofrecer unha vida mellor aos gatos que viven nas rúas de Monforte. En menos de tres meses, e aplicando o método CES (captura-esterilización-solta), o colectivo conseguiu esterilizar a 84 gatos. Ademais proporciónalles alimento e mesmo lles busca un fogar. O seu desexo, que a protección dos animais rueiros vaia gañando peso nas políticas públicas.

Falamos con Isaac Rey, presidente de Miau Lemos, do labor e dos obxectivos da asociación.

Como xorde a idea de crear Miau Lemos?

A idea xurdiu en setembro de 2020, camiñando pola zona da Ponte Vella de Monforte. Alí hai unha colonia de gatos rueiros e vimos que estaban en mal estado, de alimentación e de saúde. Comezamos a levarlles algo comida de vez en cando, durante unha semanas, cada vez  con maior frecuencia, e fomos vendo que unha das cousas máis importantes nas que sería interesante actuar era o tema de esterilización destes animais, para controlar a poboación. Foi todo isto o que nos fixo como un 'click', de pensar isto non se está atendendo ben, e decidimos actuar para tentar xestionalo mellor, na medida das nosas posibilidades.

Que labor levades a cabo desde a asociación?

Todo o que conleva o benestar animal dos gatos da rúa. Non só alimentación senón tamén o tema da esterilización que comentaba, que é moi importante. Seguimos o método CES, captura-esterilización-solta. Ademais se vemos que un gato ten algunha patoloxía ou algo anómalo en canto á saúde, tamén se trata. Facemos algún rescate, aínda que non nos dedicamos a iso porque non temos a infraestrutura nin o persoal suficiente para facelo. Pero recentemente, por exemplo, rescatamos unha gata do motor dun coche que estaba no aparcamento dos Escolapios. Dicir tamén que en todos os casos comprobamos se os gatos teñen microchip, porque a veces atopámonos con gatos que escaparon das casas e se perderon.

Cres que hai concienciación cidadá en canto á protección animal?

No tema da protección animal é certo que a situación mellorou, pero aínda queda moito que facer, e sobre todo no tema dos gatos, que nas cidades son os animais invisibles. Cos temas dos cans a veces hai convenios, etc pero cos gatos non hai nada, son os grandes esquecidos. Desde a asociación tiñamos a idea de promover charlas nos centros de ensino ou cousas polo estilo, para tratar de concienciar aos máis pequenos sobre os coidados dos animais, pero como fai pouco que empezamos e estamos centrados noutros labores foinos imposible.

E as políticas públicas, prestan atención á protección dos animais da rúa?

En Monforte non hai nada en canto a protección de colonias rueiras, tamén é certo que a Lei de Protección de Animais Domésticos de Galicia, do ano 2017, non obriga aos concellos a facer nada en particular neste sentido. Ademais, aquí a ordenanza municipal prohíbe a alimentación dos animais da rúa, polo que é todo moi complicado a nivel lexislativo. Unha das primeiras cousas que fixemos como asociación foi falar co Concello co fin de solicitar a creación duns 'carnés de alimentadores' que serían como uns permisos para que, baixo un sistema controlado, esas persoas puidesen alimentar aos gatos da rúa. Por agora estamos pendentes da resposta. Nós queremos que as cousas melloren, e querémolo facer en colaboración coas administracións.

Tedes unha estimación dos gatos que hai nas rúas de Monforte?

É difícil dar unha cifra. Na asociación temos controladas unhas 8 ou 9 colonias en diferentes zonas de Monforte, que supoñen un total duns 80 gatos, pero eses son os que nós sabemos, hai moitos máis.

Desde a asociación tamén apostades por buscarlle un fogar aos gatos...

Si, fomentamos o tema da adopción responsable, e é certo que nos levamos unha agradable sorpresa coa resposta da xente. En primeiro lugar hai que deixar claro que non todos os gatos da rúa serven para ser adoptados, pero é certo que estamos atopando moitos gatos que teñen comportamentos sociables, e ultimamente estanse dando moitos en adopción. E Miau Lemos, como dicía, aposta pola adoptación responsable: pedimos á persoa que asine unha especie de contrato, con puntos de sentido común, pero no que se compromete a facerse cargo do animal.

Notades algún cambio nas colonias rueiras de Monforte nestes meses de traballo?

Se comparamos o estado que atopamos ao principio e o que teñen agora, o cambio é moi positivo en canto á saúde xeral dos gatos. Están mellor alimentados e tamén mellor a nivel sanitario, porque ademais da esterilización tamén os desparasitamos de xeito externo e interno. E todo isto é evidente que se nota.

Como o reciben os veciños o labor da asociación?

Hai de todo, pero entendemos que cada un ten a súa mentalidade e costumes, e do que se trata é de buscar un equilibrio entre todos. En xeral non atopamos ningún impedimento nin ningunha crítica, aínda que é certo que hai xente á que non lle gusta por exemplo que os gatos se esterilicen, porque o ven como algo antinatural. Puntualmente déusenos tamén o caso dalgunha zona na que nos retiran os comedeiros que colocamos para os gatos, pero en xeral a resposta cidadá é boa. Gustaríame dicir, de todos os xeitos, que estamos abertos a recibir calquera suxerencia ou crítica construtiva, e por suposto animar aos veciños que se queiran implicar e colaborar connosco.

Aos gatos dádeslles alimentos, levádelos ao veterinario... Como vos financiades?

Temos unha páxina de facebook e moita xente contáctanos para facernos doazóns de alimentos, ou incluso algúns fixeron algunha pequena achega, estamos moi agradecidos a todos. Pero os gastos de veterinario, etc asumímolos os membros da asociación. Levamos esterilizados 84 gatos, e eso supón un gasto grande. Facemos o que podemos, e confiamos en poder contar coa axuda das administracións. Este ano non puidemos solicitar as axudas para asociacións que concede o Concello de Monforte, porque xa pasara o prazo, pero o ano que vén solicitarémola.

Que meta persegue Miau Lemos?

En xeral, lograr unha mellor xestión das colonias de rúa dos gatos. O que falabamos antes, de que as persoas teñan carnés de alimentadores e que se monte un sistema de control neste sentido, para que todo esté ben organizado. Tamén establecer uns comedeiros en lugares que o permitan polas súas características e refuxios, algunha caseta ou algo polo estilo, para que os gatos da rúa teñan onde resgardarse, sobre todo no inverno, porque non todas as colonias teñen esa posibilidade. Estas serían algunhas das nosas metas, ademais de conseguir a colaboración das administracións, porque sen iso non podemos facer gran cousa.