Deu comezo esta semana o proxecto de recuperación da torre de Tor a cargo da Vicepresidencia da Deputación

RibeiraSacraXa
O proxecto pretende poñer en valor este elemento construtivo, contiguo ao muro de peche do edificio principal do Pazo no seu lado este
torre-de-tor-obras
18 Apr 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo desenvolve un proxecto de consolidación e reparación dos restos da antiga Torre de Tor, o único vestixio que segue en pé da fortaleza do século XIV sobre a que se reedificou o Pazo de Tor.

O proxecto pretende poñer en valor este elemento construtivo, contiguo ao muro de peche do edificio principal do Pazo no seu lado este. A estrutura conservada, cunha altura de 6,20 metros que correspondería a un primeiro piso da Torre, está rechea de terra e soporta o peso dunha das galerías do Pazo.

As filtracións de auga e a presenza de vexetación xerou abombamentos e o inicio de fendas, que se frearon cunha actuación provisional en 2024, e que se reporán completamente con esta nova intervención, que se está realizando cos correspondentes controis arqueolóxicos.

Os traballos comezaron o pasado mércores e continuarán durante os vindeiros días, cun planeamento que contempla a escavación por capas do recheo, a restauración dos paramentos, a impermeabilización da superficie e a creación dun acabado para o solado da Torre.

A deputada de Cultura Iria Castro explicou que “se trata dunha actuación en profundidade, para consolidar e poñer en valor os restos da fortaleza sobre a que se construíu o Pazo de Tor e que nos remiten ao século XIV” e sinalou que “os traballos que se están realizando permitirán coñecer mellor as características construtivas deste elemento arquitectónico que non recibiu unha atención acorde coa súa relevancia histórica”

O proxecto súmase a outras intervencións de conservación e mellora que se realizaron no Pazo de Tor, como a restauración doutros tramos do muro de peche, que separa o horto do xardín, a renovación do portón de madeira que comunica estes dous terreos, e a restauración do frontón do Pazo.

0.11647701263428