‘Descubrir Quiroga’ continuará este domingo cunha ruta entre aldeas e unha cata de aceite

O programa ‘Descubrir Quiroga’, impulsado pola Concellería de Turismo de Quiroga coa colaboración da Deputación de Lugo, continúa coa súa programación de actividades durante o mes de outubro despois da ruta ‘Outono entre Fervenzas’.
A proposta levou os participantes por diferentes saltos de auga do municipio, entre eles a fervenza do Pombar e a de Vieiros, nun percorrido guiado que permitiu coñecer estes espazos naturais durante a estación do outono.
O concelleiro de Turismo, Vicente Parra, destacou a resposta obtida polo programa nos últimos meses, xa que as prazas se esgotaron en practicamente todas as rutas. Segundo explicou, ‘Descubrir Quiroga’ busca dar a coñecer o territorio a través da súa cultura, historia e natureza e contribuír á promoción turística do municipio.
A seguinte actividade terá lugar o 18 de outubro baixo o nome ‘Entre aldeas e camiños’. Será un percorrido duns cinco quilómetros que pasará por Barreiro, A Rodela, As Barxas e Casa do Vello, combinando camiños, natureza e paisaxes do municipio.
A xornada rematará no Museo Etnográfico cunha cata de aceite a cargo de Ouro de Quiroga, na que as persoas participantes poderán coñecer e degustar este produto vinculado ao territorio.
A actividade é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas. As persoas interesadas poden inscribirse na Oficina de Turismo de Quiroga, no teléfono 982 43 51 25 ou no enderezo turismo.quiroga@eidolocal.es.
O programa pechará a súa edición de 2026 cunha actividade específica para escolares o 6 de novembro, que se desenvolverá dentro do horario lectivo. A proposta permitirá ao alumnado coñecer o traballo da firma Caurelor e os seus produtos e achegarse á música tradicional galega da man da Fundación Legar.
Nesta última parte da actividade, a Fundación Legar presentará diferentes instrumentos, explicará as súas características e funcionamento e ofrecerá ao alumnado a oportunidade de experimentar con eles para rematar cunha interpretación conxunta.