Música de raíz no corazón da serra do Courel

RibeiraSacraXa
Creado no ano 2024 da man de Xavier Blanco e Martina Ferradás, o Centro de Interpretación da Música de Raíz da Fundación Legar garda entre as súas paredes unha colección de máis de 1.200 instrumentos de música de raíz galegos
Instrumentos recollidos por Xavier Blanco no Museo da Música da Seara
4 Oct 2026

En pleno corazón do Courel, na aldea da Seara, atópase un espazo onde a música e a memoria conviven coa paisaxe da serra. Trátase do Centro de Interpretación da Música de Raíz da Fundación Legar, un espazo dedicado a preservar a tradición sonora de Galicia.

Inaugurado en novembro de 2024 grazas ao labor de Xavier Blanco e Martina Ferradás, o centro naceu co obxectivo de difundir a música tradicional e os coñecementos relacionados cos instrumentos, partindo da idea de que a música de raíz forma parte da identidade e da memoria colectiva. Dentro das súas portas, os visitantes poden descubrir un espazo onde estes instrumentos non só poden verse, senón tamén escoitarse e experimentarse, todo iso nunha contorna única como é a da aldea da Seara, unha das aldeas máis representativas do Xeoparque Montañas do Courel, caracterizada pola excelente conservación das súas construcións de orixe medieval fabricadas en pedra e lousa, rodeadas por unha paisaxe espectacular protagonizada polo río Selmo e o pico Formigueiros.

MÁIS DE 1.200 INSTRUMENTOS TRADICIONAIS E CATRO DÉCADAS DE INVESTIGACIÓN

O Centro de Interpretación da Música de Raíz garda entre os seus muros unha colección composta por máis de 1.200 instrumentos de música de raíz galegos, ademais de documentación, arquivos sonoros e material audiovisual. Todo iso é froito do traballo de investigación realizado durante máis de catro décadas polo músico e investigador Xavier Blanco, que dedicou gran parte da súa vida a realizar traballo de campo por vilas e parroquias de todo o territorio galego, recompilando, preservando e difundindo o legado musical da nosa terra.

Ao longo da súa traxectoria, o músico e investigador logrou clasificar estas pezas atendendo ás súas características físicas, tímbricas e funcionais, incluíndo ademais instrumentos construídos e restaurados artesanalmente mediante técnicas ancestrais e materiais naturais, así como un arquivo sonoro realizado xunto a persoas portadoras da tradición oral. Á súa traxectoria súmanse cinco discos publicados, tres documentais e colaboracións en programas da CRTVG. Entre os recoñecementos que figuran no seu percorrido están o Premio ‘IAR’ de Folclore Galego e o título de Mestre da Memoria, outorgado pola AELG.

Ao carón de Xavier e como fundadora do proxecto está Martina Ferradás que, con máis de vinte anos de experiencia en xestión e dirección de proxectos, se ocupa de áreas como a xestión económica, a captación de axudas e a relación con axentes culturais. Experta na atención de persoas con demencia, colabora activamente en propostas didácticas como ‘Mulleres Raíz’, centrada nos oficios e saberes tradicionais das mulleres galegas. Grazas á súa visión e á súa experiencia, achega ao proxecto un punto de vista baseado na tradición, a educación e a sustentabilidade, reforzando o seu papel como ferramenta de preservación cultural inclusiva.

A exposición que se pode ver dentro do centro organízase en tres espazos temáticos. O primeiro está dedicado aos instrumentos primitivos, elaborados a partir de elementos da natureza e utilizados para comunicarse, imitar sons ou participar en rituais. A segunda sala percorre o ciclo festivo do ano a través de instrumentos relacionados con celebracións tradicionais, tanto relixiosas como vinculadas ao traballo e ao ciclo produtivo. A terceira, baixo o título ‘O movemento acompasado’, reúne pezas relacionadas coa danza, o ritmo do camiñar e as cantigas de labor.

Porén, a forma na que se presenta a colección non é a dun museo, senón que o centro aposta por unha experiencia participativa, afastándose da clásica exposición en vitrinas. Non todas, pero si algunhas das pezas poden mesmo tocarse baixo supervisión, e as persoas visitantes poden achegarse ao ritmo e ao son destes instrumentos tradicionais.

OBRADOIROS, ROTEIROS E REPRESENTACIÓNS DIDÁCTICAS

A actividade da Fundación non se limita ao centro de interpretación, senón que busca preservar e difundir a música de raíz a través de propostas como obradoiros, roteiros sonoros e representacións didácticas en directo.

Dentro dos obradoiros, a Fundación propón, por un lado, o ‘Espazo Artesán’, onde Xavier Blanco amosa como se constrúen os instrumentos de raíz seguindo técnicas primitivas e materiais ancestrais, e onde os participantes poden observar directamente o proceso de fabricación artesanal e descubrir os segredos dos métodos de construción dos instrumentos de raíz.

Por outra banda, atópase o obradoiro ‘Gaiteiro verde’, no que o público pode construír pequenos instrumentos de raíz a través de materiais sostibles e que incorpora ademais unha introdución aos ritmos e ás melodías tradicionais, presentándose como unha proposta participativa para todas as idades.

Outro dos obradoiros titúlase ‘Arte Pastoril’ e aborda a relación entre música e vida rural. Nel, as persoas participantes poden achegarse a melodías e ritmos relacionados co pastoreo e as tarefas do campo, ademais de experimentar con sons producidos a partir de elementos naturais e materiais dispoñibles na contorna.

Por outra banda, a Fundación desenvolve unha proposta titulada ‘Espazo e Son’, baseada en roteiros sonoros que buscan recuperar sons vinculados á vida cotiá e a distintos espazos de Galicia, recreando paisaxes acústicas asociadas, entre outros elementos, ao traballo, á auga, ás forxas, aos muíños ou ás voces e cantos das aldeas. Os roteiros combinan gravacións, intervencións e experiencias participativas e poden desenvolverse en lugares cunha identidade acústica propia, coa intención de achegarse ao patrimonio tamén a través da escoita.

Por último, a Fundación realiza tamén un importante traballo a través de representacións didácticas en directo deseñadas para dar a coñecer a evolución da tradición musical galega entre o alumnado, introducíndoo na música popular de forma participativa e dinámica.

UN ESPAZO ABERTO A TODOS OS PÚBLICOS

O Centro de Interpretación da Música de Raíz abre actualmente de venres a domingo e durante os días festivos. Os venres permanece aberto de 18.00 a 20.00 horas. Os sábados abre de 10.00 a 13.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas, mentres que os domingos pode visitarse de 10.00 a 14.00 horas.

Ademais, existe a posibilidade de concertar visitas fóra deste horario mediante solicitude previa, sempre suxeitas a dispoñibilidade. Estas visitas guiadas están conducidas por Xavier Blanco, que interpreta cantigas de raíz cos propios instrumentos expostos. Ademais do horario habitual, o centro contempla a posibilidade de organizar visitas noutros momentos mediante solicitude previa e sempre en función da dispoñibilidade.

Na Seara, a Fundación Legar formula así un espazo no que a música de raíz se relaciona coa paisaxe, a artesanía, a memoria e as formas de vida que a acompañaron. Unha colección de instrumentos, pero tamén un proxecto para achegarse aos sons e coñecementos que forman parte do patrimonio cultural galego.

0.14894795417786