Derradeiros días para visitar en Chantada a exposición fotográfica sobre o Mosteiro de Oseira

A Casa da Cultura de Chantada afronta os últimos días para visitar a exposición “O Mosteiro Cisterciense de Oseira visto por O Potiños”, unha mostra fotográfica que permanecerá aberta ata o próximo 30 de setembro.
A exposición reúne as particulares miradas de 18 autores e autoras da Asociación Fotográfica O Potiños sobre o mosteiro cisterciense de Oseira, achegándose tanto a elementos coñecidos do cenobio como a detalles e espazos que poden pasar máis desapercibidos.
O traballo ofrece así un percorrido visual polos diferentes recunchos do mosteiro, cunha atención especial aos detalles arquitectónicos e á riqueza do conxunto.
A mostra forma parte da actividade da Asociación Fotográfica O Potiños, que mantén unha presenza activa no territorio e desenvolve iniciativas destinadas a contribuír ao coñecemento e divulgación da comarca a través da fotografía.