'Decorado', gañadora do Goya á mellor película de animación, proxectarase en Chantada como antesala da Mostra Vendaval

RibeiraSacraXa
O filme poderá verse de balde o 14 de agosto dentro do ciclo Cine no Cantón, mentres que a terceira edición do festival celebrarase do 25 ao 30 de agosto con proxeccións, concertos, coloquios e actividades na Ribeira Sacra
Festival-O-Vendaval-Ribeira-Sacra
5 Aug 2026

A Mostra de Cinema Portugués na Ribeira Sacra Vendaval colaborará co Concello de Chantada na proxección de 'Decorado', a última longametraxe de animación para adultos do cineasta coruñés Alberto Vázquez. A sesión terá lugar o venres 14 de agosto ás 22.00 horas dentro do programa Cine no Cantón, incluído na programación do Verán Cultural municipal, e será de acceso gratuíto.

A película chega a Chantada tras converterse nun dos títulos máis destacados do panorama cinematográfico do último ano. Decorado obtivo o Premio Goya á Mellor Película de Animación e tamén foi recoñecida nos Premios Forqué, nos Premios Quirino e no Festival Internacional de Cinema de Animación de Annecy, onde recibiu o Premio Paul Grimault. Ademais, Alberto Vázquez convértese co seu palmarés na persoa galega con máis premios Goya da historia, cun total de cinco galardóns.

A obra, coproducida entre Galicia, País Vasco, Brasil e Portugal, combina humor negro, sátira e surrealismo para narrar a historia de Arnold, un rato que comeza a cuestionar a realidade na que vive ao sospeitar que o seu mundo non é máis ca un enorme decorado. O filme propón unha reflexión sobre o control social, a liberdade e o sentido da existencia.

A proxección servirá como anticipo da terceira edición da Mostra Vendaval, que se desenvolverá entre o 25 e o 30 de agosto en diferentes espazos da Ribeira Sacra. Durante seis días, o certame ofrecerá unha programación con longametraxes, curtametraxes, encontros con cineastas, concertos, sesións de DJ e coloquios, todos eles de balde, co obxectivo de fortalecer os vínculos culturais entre Galicia e Portugal e achegar ao público algunhas das producións máis destacadas do cinema contemporáneo.

Entre as actividades previstas figura tamén o curso Filmar Depois do Império, que impartirá a cineasta portuguesa Margarida Cardoso os días 29 e 30 de agosto na Casa da Memoria, en Xullán (Bóveda). A formación abordará a maneira na que o cinema portugués tratou a memoria colonial e as guerras en África, revisando títulos como Natal 71 ou Banzo, esta última con estrea en Galicia durante o propio festival tras o seu paso polos Premios Sophia.

Vendaval mantén así a súa aposta por converter a Ribeira Sacra nun espazo de encontro entre o cinema galego e portugués, combinando as proxeccións con actividades culturais, musicais, gastronómicas e de contacto coa natureza, nun proxecto que conta co patrocinio da área de Mocidade da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

0.12182903289795