Comezan os traballos de modernización do Miradoiro de Sernade, en Chantada

O Concello de Chantada iniciou os traballos de mellora no Miradoiro de Sernande, unha actuación coa que busca renovar e modernizar parte dos espazos turísticos situados na contorna do río Miño.
O municipio conta con cinco miradoiros repartidos polo seu territorio, catro deles con vistas ao Miño e outro situado no Monte do Faro, nun espazo integrado na Rede Natura 2000 e recoñecido como Lugar de Importancia Comunitaria e destino Starlight.
No caso dos miradoiros de Sernande e Sobre Cabo do Mundo, as estruturas de madeira presentaban un importante desgaste polo paso do tempo, motivo polo que o Concello decidiu acometer obras de renovación a través da área de Turismo.
Os traballos comezaron no Miradoiro de Sernande, desde onde se poden contemplar a illa da Maiorga e a aldea da Míllara cos seus viñedos. A actuación permitirá substituír os elementos de madeira e renovar a estética do espazo mediante novas varandas e bancos, cun deseño máis moderno e adaptado á contorna natural.
Unha vez rematadas estas obras, o Concello prevé actuar tamén no miradoiro de Sobre Cabo do Mundo, un dos puntos máis coñecidos da Ribeira Sacra pola súa panorámica sobre o río Miño e as ladeiras de viñedo.
Ademais destas intervencións, a brigada municipal de parques e xardíns realiza durante todo o ano tarefas de limpeza e mantemento nos diferentes miradoiros do municipio para garantir a súa conservación.
Desde a Concellería de Turismo avanzan tamén a intención de acometer ao longo deste ano unha reforma integral do miradoiro de Líncora, situado entre viñedos e con vistas aos coñecidos “codos” de Belesar e a unha ampla zona da ribeira.