Comezan as obras de renovación en parques infantís de Quiroga

RibeiraSacraXa
As obras, financiadas a través dun convenio coa Deputación de Lugo, inclúen novo pavimento, elementos de xogo e melloras de seguridade en varios espazos do municipio
parque infantil Quiroga
6 Nov 2026

Quiroga puxo en marcha estes días os traballos de acondicionamento de varios dos seus parques infantís. A actuación, que conta cun orzamento de 50.000 euros, enmárcase no convenio asinado coa Deputación de Lugo en decembro de 2025, e contempla intervencións no Parque da Constitución, no Parque da Igrexa e no parque da Praza de España.

Os traballos máis avanzados están a desenvolverse no Parque da Constitución, concretamente na zona do areeiro infantil. Alí estase a reforzar a seguridade mediante a instalación dun valado de madeira con dúas portas de acceso, ademais de substituír a area existente por outra de gran máis fino. Así mesmo, retiráronse os elementos de xogo que se atopaban deteriorados, mentres que aqueles en bo estado foron reubicados dentro do recinto. Entre as novidades, destaca a instalación dunha tirolina, e está prevista a incorporación próxima dunha fonte de auga e dun novo pavimento continuo de caucho.

Por motivos de seguridade, as zonas en obras permanecen pechadas ao público mentres duran os traballos. Con todo, os nenos e nenas poden seguir utilizando con normalidade a pista de xogos e a estrutura multixogo do parque.

No Parque da Igrexa, a intervención consistirá na substitución de varios elementos de xogo, na reparación do pavimento de pedra e na recolocación das lousas de caucho existentes.

Pola súa banda, no parque da Praza de España instalarase un elemento de sombra de tipo téxtil, co obxectivo de mellorar o confort deste espazo, especialmente durante os meses de maior calor.

0.16160202026367