Comezan as obras de humanización da rúa Rosalía de Castro en Quiroga

RibeiraSacraXa
O proxecto, cun orzamento de 48.390,47 euros, inclúe a renovación do sistema de iluminación pública e a construción de novas beirarrúas de formigón coloreado
rúa Rosalía de Castro Quiroga
16 Sep 2026

O Concello de Quiroga puxo en marcha as obras de humanización da rúa Rosalía de Castro, unha actuación que se enmarca nun convenio de colaboración asinado entre o consistorio e a Axencia de Turismo de Galicia. O proxecto conta cun orzamento total de 48.390,47 euros.

Os traballos, que xa comezaron, céntranse polo de agora na colocación dun novo sistema de alumeado público de maior eficiencia enerxética na marxe esquerda da calzada. En concreto, están a instalarse luminarias led sobre columnas metálicas de nove metros de altura, unha solución coa que se busca optimizar o consumo enerxético do sistema de iluminación e, ao mesmo tempo, reforzar a seguridade tanto para o tráfico rodado como para os peóns que transitan por esta zona.

Esta fase de renovación do alumeado forma parte dunha intervención de maior alcance orientada á humanización integral desta vía. Segundo trasladou o Concello, o proxecto contempla tamén a execución de novas beirarrúas de formigón coloreado na marxe dereita da rúa, así como a colocación de puntos de luz adicionais nestas futuras beirarrúas, completando así a renovación de todo o contorno urbano da rúa Rosalía de Castro.

0.16006898880005