Chantada revalida o selo Ouro de Praias sen Fume por sexto ano consecutivo

RibeiraSacraXa
A praia fluvial do Sangoñedo mantén un ano máis o seu distintivo como espazo libre de fume
Chantada praias sen fume
9 Sep 2026

O Concello de Chantada volveu conseguir a Categoría Ouro dentro do Programa Galego de Promoción dunha Vida Sen Tabaco, un recoñecemento impulsado pola Rede Galega de Praias Sen Fume. Trátase xa do sexto ano consecutivo no que este espazo recibe esta distinción, outorgada aos enclaves que apostan por converterse en zonas libres de fume.

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, foi o encargado de recoller o certificado nun acto celebrado en Begonte o pasado 4 de setembro, entregado pola Dirección Xeral de Saúde Pública, dependente da Consellería de Sanidade.

Segundo sinalou o rexedor, a praia do Sangoñedo consolídase como un lugar onde se fomentan hábitos de vida saudables, ademais de servir para concienciar especialmente aos máis cativos sobre a posibilidade de gozar de espazos de lecer e diversión sen necesidade de recorrer ao tabaco.

A iniciativa das Praias Sen Fume consiste en prohibir fumar en todo o areal, co obxectivo de avanzar na percepción social arredor do tabaco e converter estes espazos en lugares cun valor educativo e preventivo, dentro dun proceso máis amplo orientado a camiñar cara a unha sociedade libre de tabaco.

Ademais do recoñecemento obtido, o Concello destaca o traballo que realiza durante todo o ano a brigada municipal de Parques e Xardíns na praia fluvial e na súa contorna, xa que se trata dun espazo de acceso libre e gratuíto moi valorado polos veciños. Estas tarefas de mantemento refórzanse especialmente na época estival, cando as boas condicións climatolóxicas fan que aumente o número de veciños e visitantes que acoden a esta contorna natural para gozar da natureza en compañía da familia e das amizades, nun ambiente libre de fume de tabaco.

0.14782500267029