Chantada renova as pistas de tenis e suma un sistema de acceso con código QR

RibeiraSacraXa
Despois da reforma de dúas canchas en 2020, a terceira pista estrea agora pavimento e pintura, mentres se incorpora un sistema de entrada mediante aplicación móbil similar ao das pistas de pádel
pista de tenis Parque Eloísa Rivadulla Chantada
6 Nov 2026

As instalacións deportivas do Parque Eloísa Rivadulla en Chantada foron obxecto dunha nova fase de melloras, nesta ocasión centrada nas pistas de tenis do municipio. Os traballos levouse a cabo dentro dunha liña de axudas autonómicas destinadas á creación, mellora e ampliación de servizos básicos a nivel local, unha partida que en anos anteriores se empregara para renovar parques infantís e que nesta ocasión se destinou a este espazo deportivo.

O proxecto contou cun orzamento de 51.462 euros, dos que o 70 % procede da subvención autonómica, mentres que a porcentaxe restante foi asumida polas arcas municipais.

Esta intervención vén completar un proceso que comezou en 2020, ano no que xa se acondicionaran dúas das tres canchas existentes. Agora, a terceira pista recibiu un novo pavimento, e ademais procedeuse ao repintado das superficies e de todas as liñas de xogo no conxunto das instalacións.

Entre as novidades destaca a incorporación dun sistema de acceso automatizado, que reproduce o modelo xa implantado nas pistas de pádel do municipio. Deste xeito, quen desexe utilizar as instalacións poderá reservar a súa quenda a través dunha aplicación móbil, que xerará un código QR no momento da reserva. Dito código será o que permita o acceso ás pistas. Este novo mecanismo entrará en funcionamento nas vindeiras datas.

As pistas de tenis de Chantada contan con tres canchas, vestiarios e iluminación artificial, o que permite a práctica deste deporte mesmo en ausencia de luz natural. O uso destas instalacións está vinculado ás escolas deportivas municipais, aínda que tamén permanecen abertas a clubs e a calquera persoa que solicite a súa utilización.

0.15027785301208